A FEGAMP e o Colexio Oficial de Psicoloxía manteñen a súa colaboración cara a mellorar a atención á saúde mental

Data: 

martes, 16 Maio, 2023 (Todo o día)
De dereita a esquerda: Alberto Varela (presidente da FEGAMP); Rosa Álvarez e Hipólito Puente (decana e vicedecano do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, respectivamente).

Vilagarcía de Arousa, 16 de maio de 2023.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo hoxe unha xuntanza con Rosa Álvarez e Hipólito Puente, decana e vicedecano do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

A xuntanza, solicitada polo propio Colexio, enmárcase dentro do espazo de colaboración mantido dende ambas organizacións dende hai tempo, como aconteceu co pasado convenio de colaboración polo que se mantivo os concellos informados dos servizos e actividades do Colexio en materia de atención pisicolóxica integral nos casos de violencia de xénero.

Nesta ocasión, e no contexto actual pospandemia, ambas organizacións coincidiron na necesidade de abordar a integración de profesionais da Psicoloxía Clínica nos servizos de Atención Primaria, facilitando a atención psicolóxica especializada e promovendo a prevención en saúde mental.

Tamén na liña da prevención valorouse a posible incorporación da figura do psicólogo/a educativo/a en cada centro de estudio, independentemente da figura da orientación, a cargo da administración competente.

En ambos casos, a incidencia da aplicación destas medidas no ámbito local suporía un reforzo á actual situación da atención a saúde mental, polo que dende a FEGAMP vanse estudiar estas propostas para a súa posible implementación no futuro, dentro do proceso interno de debate que culminará coa celebración da vindeira Asemblea da FEGAMP, despois de que se constituian os concellos e as deputacións provinciais.