Fegamp e Medio Rural avanzan na xestión do Convenio de Faixas Secundarias

Data: 

mércores, 19 Decembro, 2018 - 08:45
Na foto pódese observar a reunión entre o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García; o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; e a secretaria xeral técnica da consellería, Mª Jesús Lorenzana Somoza

O presidente da Fegamp e o conselleiro de Medio Rural mantiveron o pasado 19 de decembro unha reunión de traballo coa intención de potenciar e planificar o desenvolvemento do Convenio de Xestión das Faixas Secundarias de Protección dos Núcleos de Poboación.

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, reuniuse en Santiago co conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, e a secretaria xeral técnica da consellería, Mª Jesús Lorenzana Somoza, como primeira cita tras a incorporación de González á consellería de Medio Rural. O motivo da reunión foi planificar e potenciar o desenvolvemento do Convenio de Xestión de Faixas Secundarias firmado entre a Fegamp, a consellería de Medio Rural e a empresa pública SEAGA o pasado verán, e que aínda está en fase de implantación.

O presidente da Fegamp explicou as súas sensacións tras a reunión: “foi unha reunión moi positiva xa que a intención que puxemos enriba da mesa é a de ir máis alá na posta en marcha do Convenio de Faixas para que non se limite so a desbrozar parcelas, senón que se opte pola posta en valor do terreo que conteñen as faixas secundarias, dinamizándoo e que así esas parcelas sexan empregadas e explotadas converténdose dese modo en produtivas, e minimizando o risco de incendios”. O presidente da Fegamp asegurou que ambas entidades comprometéronse tamén a convocar no mes de xaneiro a Comisión de Seguimento do Convenio de Faixas Secundarias a da que formarán parte o propio conselleiro de Medio Rural e o presidente da Fegamp, coa intención de impulsar as novas medidas que se queren implementar nesta materia.

Tamén se falou na reunión sobre os plans básicos de prevención de incendios dos concellos galegos, que comprenderán dúas fases diferenciadas: a recadación de información cartográfica para definir as faixas secundarias, e logo o traballo de roza, para facer unha óptima xestión do terreo e mellorar a prevención.