Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias asinou un convenio de colaboración con ENDESA, GAS NATURAL FENOSA, IBERDROLA e VIESGO para a protección de persoas e familias en situación de vulnerabilidade e urxencia social. A Fegamp e as catro principais firmas de enerxía que operan en Galicia crean unha canle de comunicación de dobre vía entre os servizos sociais dos concellos e as propias empresas, co obxectivo último de garantir a subministración de luz e gas naqueles domicilios onde non é posible facer fronte ao pagamento das facturas.
Segundo o acordo, nos endebedamentos que os entes locais identifiquen como emerxencia social, as empresas subministradoras comprométense a manter o servizo durante 2 meses. Nese tempo, os municipios tramitarán as axudas de emerxencia pertinentes, propias e alleas, para abonar os recibos adebedados.
Logo de meses de traballo conxunto, o convenio foi ratificado hoxe por Alfredo García, presidente da Fegamp e D. Miguel Temboury Molina, director xeral territorial Zona Noroeste de Endesa Energía S.A; D. Manuel Fernández Pellicer, delegado xeral de Gas Natural Fenosa en Galicia; D. José Ignacio Lázaro Estarta, delegado comercial de Iberdrola en Galicia e D. Julián de Benito Cavero, responsable de Operacións Comerciais de Viesgo.
Funcionamento e novidades do convenio
Calquera persoa advertida dun corte de luz ou gas pode poñerse en contacto cos servizos sociais do seu concello ou coa súa empresa subministradora, que o informarán da existencia e funcionamento deste convenio. Unha vez os técnicos municipais constaten que se trata dun caso de urxencia social e llo notifiquen á firma enerxética, esta comprométese a manter a subministración durante un prazo de 2 meses.
Deste xeito, o corte non chega a producirse e os concellos empregan ese tempo para tramitar as axudas de emerxencia, afrontando as facturas cos mecanismos existentes. Os municipios que desexen adherirse poden facelo a partir de hoxe, poñéndose en contacto coa propia Fegamp.
A Fegamp pretende con este convenio reforzar a atención ás familias en situación de vulnerabilidade e unificar e simplificar os procedementos entre os servizos sociais municipais e as empresas enerxéticas, para dar solución a situacións de urxencia social. A maiores de sentar bases comúns de traballo coas principais subministradoras, abre a posibilidade a prolongar no tempo o pagamento dos recibos, segundo a capacidade orzamentaria de cada concello. O acordo complementa as axudas autonómicas e estatais, en moitos casos insuficientes para resolver a grave situación á que se enfrontan moitas familias e cidadáns/á.
A Federación Galega de Municipios e Provincias agradece a boa disposición de ENDESA, GAS NATURAL FENOSA, IBERDROLA e VIESGO, que se comprometen a traballar man a man cos concellos para garantir a protección dos fogares máis vulnerables.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
npconveniofegampenerxeticasurxenciasocial.pdf | 120.66 KB |
npconveniofegampenergeticasurgenciasocial.pdf | 130.93 KB |