FEGAMP e a Deputación de Lugo abordan os trabalos da futura nova Lei de Administración Local de Galicia

Data: 

martes, 24 Marzo, 2026 (Todo o día)

Lugo, 24 de marzo de 2026.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, reuniuse coa presidenta da Deputación Provincial de Lugo, Carmela López, sendo a primeira reunión mantida entre ambos dende a recente investidura da nova presidenta da Deputación.

A reunión celebrouse no despacho da presidenta, e nela aboradáronse temas como o proceso do anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia, o financiamento local e as competencias, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), vivenda pública e a prevención de incendios forestais, entre outros. Ademais, o presidente da FEGAMP asinou no Libro de Ouro da Deputación de Lugo.

Tamén atenderón aos medios de comunicación, e o presidente da FEGAMP reiterou a necesidade de que a futura nova Lei de Administración Local de Galicia sexa "froito do consenso" con municipalismo galego, a pesares de que as entidades locais aínda non tiveron o papel que lles corresponde na súa elaboración despois de reclamalo en reiteradas ocasións e apelar ao diálogo insitucional.

Aínda así, Alberto Varela manifestou que "estamos a tempo" para ese traballo en común sobre unha lei que abordará "asuntos moi importantes" para concellos e deputacións nos vindeiros 30 ou 40 anos, como o financiamento local, que reclamou que ten que mellorar e ser máis estable, admeias de ser incondicionado, apelando a "maioría de edade "das entidades locais galegas na súa xestión económica.

O presidente da FEGAMP salientou "o ánimo constructivo" a predisposición ao acordo do municipalismo galego, como se acredita nos recentes acordos coa Xunta de Galicia para mellorar o financiamento do SAF e para promover a Rede de concellos contra o acoso escolar.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Lugo manifestou que "os problemas que afrontan os concellos galegos son problemas estruturais que teñen que ver co modelo de administración que queremos para Galicia. Con quen toma as decisións. Con quen pon os cartos. E con quen acaba pagando as consecuencias cando os cartos non chegan”, en relación á futura nova Lei de Administración Local de Galicia.

Carmela López destacou que a Deputación de Lugo cre na necesidade dunha reforma “urxente”, porque a Lei en vigor é de 1997, “pero necesita unha lei feita con rigor, con participación real das entidades locais e con honestidade sobre o que nos vai custar. Este texto non cumpre ningunha das tres condicións” e aínda "non hai informes económicos que expliquen canto custan as novas competencias”.

REUNIÓN COA PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN DE LUGO