Data:
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, mantivo unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para abordar a implantación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) nos Concellos galegos.
Tras analizar o gran peso levado polas Entidades Locais durante a pandemia, ambos representantes coincidiron en que no periodo de recuperación os Municipios deben ser -en palabras do propio José Miñones- “palanca”. Varela subliñou que para esa aportación tan determinante é imprescindible que os fondos europeos cheguen “a todos os Concellos, porque todos imos precisar e debemos ser partícipes”. Federación e Delegación de Goberno intensificarán as canles de comunicación e traballo conxunto así como coas Entidades Locais para favorecer o avance do PRTR.
Por outra banda, Varela agradeceu a Miñones a celeridade do Goberno á hora de reformar o imposto da plusvalía, una petición que a Fegamp viña facendo de longo xa que “non ten sentido se non se da un incremento do valor dos immobles” e por fin se pon orde a unha cuestión que xeraba inseguridade xurídica tanto as persoas como aos Concellos. Porén, Varela lembrou “dúas cuestións pendentes”: a necesidade dunha nova Ley de Bases “clarificadora para diferenciar as competencias que temos que asumir, actualizala e deixar de asumir aquelas que nos encargan de forma impropia e sobre todo as que non veñen acompañadas de orzamento” e unha reforma do financiamento local, xa que os Concellos “estamos desnivelados con respecto as demais administracións” e mentres que a en 2011 se revisou o financiamento autonómico, o municipal non se ten avaliado e o “sistema presenta deficiencias”.