Data:
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo unha xuntanza co conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, para abordar a reversión aos concellos dos terreos portuarios sen ese uso.
Na xuntanza tamén participou o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e serviu de posta ao día da situación deste proceso que leva moito tempo en marcha e precisa de de ser resolto para os concellos que manifestaron o seu interese nestas desafeccións. No ano pasado e segundo Portos de Galicia, eran preto de trinta concellos os interesados neses terreos.
Ambas partes acordaron colaborar para axilizar e desbloquear o proceso, téndose previsto celebrar reunións cos concellos interesados para revisar as propostas técnicas dos terreos portuarios susceptibles da reversión. Despois, terase que ser aprobado por Portos de Galicia e polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia, que o remitirá ao Goberno de España para que tamén o aprobe no seu Consello de Ministros.
Ademais da reunión, e sendo a primeira visita que facía despois de ser varios mandatos vicepresidente da FEGAMP, Alfonso Villares asinou no Libro de Honra pola súa condicíón de conselleiro da Xunta de Galicia. Tamén houbo tempo para reencontrarse coas persoas do equipo técnico da FEGAMP.