A FEGAMP destaca a clara influencia local na lírica popular das “Cantareiras” homenaxeadas no Día das Letras Galegas de 2025

Data: 

luns, 28 Abril, 2025 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2025.- A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) aprobou na súa última reunión unha declaración institucional en conmemoración do Día das Letras Galegas 2025, que, como cada ano, se celebrará o vindeiro 17 de Maio, e que este ano homenaxea ás “Cantareiras”, personificadas en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; Asunción Garrido, Prudencia Garrido e Manuela Lema, de Mens, e Eva Castiñeira, de Muxía.

A FEGAMP comparte este recoñecemento público “á lírica popular, cunha clara influencia local, representando as seis cantareiras homenaxeadas a todas cantas mulleres, moitas delas con nomes coñecidos e outras aínda anónimas, cumpriron un papel principal na transmisión da lírica popular, de xoias poéticas extraordinarias e dun galego enxebre e saboroso”, salientando que “un dos seus obxectivos é promover a cultura e a lingua galegas no marco das competencias que o ordenamento xurídico lles atribúe ás corporacións locais de Galicia”.

Na declaración aprobada sinálase que os concellos ven tendo “un protagonismo decisivo na reivindicación do galego e na defensa da súa extensión social” incluso dende antes da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, en 1981, e da Lei de Normalización Lingüística, en 1983”. Detense en 1984, cando “cento oitenta e catro alcaldías de todas as tendencias políticas e de todos os puntos da xeografía galega subscribiron a 'Declaración do Hostal dos Reis Católicos' en Santiago de Compostela, motivando a defensa da implantación do galego en todas as administracións públicas en Galicia tanto no que se refire ao seu uso, como á esixencia do seu coñecemento como mérito para o acceso ao emprego público”, que para a FEGAMP aínda mantén a súa vixencia.

A FEGAMP remata a declaración facendo fincapé en que “aínda hoxe, os esforzos deben centrarse en aumentar o número de galego-falantes potenciando a presencia do galego nas novas canles derivadas do desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e da comunicación”.

Acceso á Declaración Institucional da FEGAMP polo Día das Letras Galegas, 17 de Maio 2025 nesta ligazón