A FEGAMP denuncia que o financiamento local non está no centro dos debates a pesares da permanente reivindicación dos concellos galegos dunha axeitada revisión á Xunta e ao Estado

Data: 

luns, 29 Xullo, 2024 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou hoxe o seu primeiro Consello Federal dende a Asemblea celebrada o pasado novembro, no que avaliou todo o traballo desenvolto durante este curso político e a situación das entidades locais en Galicia.

O Consello Federal é o órgano máximo entre asembleas, é o encargado de desenvolver as resolucións aprobadas pola Asemblea Xeral. Está composto por cincuenta e cinco alcaldes e alcaldesas, y foron elixidas, xunto coa Comisión Executiva e a Presidencia, na Asemblea celebrada no pasado novembro.

O presidente da FEGAMP, Alberto Varela presentou o seu informe, no que fixo un exhaustivo repaso ás posicións adoptadas e ás iniciativas desenvolvidas pola FEGAMP neste período. No informe, Varela sinalou que “no actual contexto político o financiamento  local non está no centro dos debates a pesares da permanente reivindicación dos concellos galegos, á Xunta e ao Estado, dunha axeitada revisión do financiamento local, en consonancia coas responsabilidades e servizos prestados polos concellos sen ser competencia local”.

Alberto Varela destacou que “as tres premisas fundamentais que debemos seguir reclamando no futuro, acordadas por todos na Asemblea do pasado ano, pasan polo incremento, a incondicionalidade e a aplicación de criterios de poboación, superficie, núcleos de poboación e porcentaxe de maiores de 65 anos no Fondo de Cooperación Local”, ademais de “recuperar a negociación previa que se producía entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para negociar previamente á presentación do Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2025 a dotación e criterios de reparto do Fondo de Cooperación Local, cuestión que lle transmitín ao presidente da Xunta de Galicia na xuntanza recentemente mantida,  e ao conselleiro de Presidencia o pasado mes de xuño.”

O presidente da FEGAMP reiterou a urxencia de “retomar o cumprimento do Pacto Local Galego no que atinxe á asunción dos custos do mantemento dos centros de ensinanza primaria e de Saúde”, así como “habilitar unha partida económica anual para financiar aqueles servizos de competencia exclusivamente autonómica prestados por concellos e deputacións”.

Retomáronse os traballos da Comisión Técnica de Delimitación Competencial creada entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, sendo unha das súas tarefas máis urxentes “a avaliación dos gastos que as entidades locais foron asumindo nos últimos anos a través da imposición de competencias e obrigas a través de normativas sectoriais, que para a FEGAMP esa cifra alcanza os 700 millóns de euros” expuxo Varela.

Sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) o presidente da FEGAMP ven reclamando o incremento das achegas da Xunta e do Ministerio de Derechos Sociales para ambas administracións competentes fáganse cargo do financiamento do 100% do SAF, como sinala a Lei de Dependencia. “É certo que o presidente da Xunta comprometeuse a incrementar o financiamento para os vindeiros anos, pero ata o de agora non se concretou nunha proposta formal”, salientou Varela que engadiu que “a xuntanza solicitada ao ministro de Derechos Sociales, Pablo Bustinduy, para reclamarlle o incremento das achegas, sigue sen ser celebrada”.

Por último, ante el anuncio da Xunta de aprobar unha nova “Lei de Administracións Locais de Galicia”, o presidente da FEGAMP sinalou que “os concellos galegos e a súa Federación estamos dispostos a que se nos emprace para participar na súa elaboración” reiterando o que dixo na pasada Asemblea sobre que “as propostas políticas dos concellos son xustas, necesarias e rigorosas. E o esforzo desenvolto para acadar os acordos e as posicións da FEGAMP reflicta o compromiso dos alcaldes e alcaldesas, e ten que se tido en conta polas administracións autonómica e estatal”.

Consello Federal FEGAMP 29 de xullo 2024