Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias aprobou hoxe por unanimidade na súa Executiva a creación dunha comisión que analice medidas para a futura reforma da normativa que rexe as facendas locais. Despois da anulación por parte do Tribunal Constitucional de varios preceptos da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, a Fegamp toma a iniciativa co obxectivo de que a futura normativa contemple aspectos propios da realidade galega, como son a dispersión territorial, o envellecemento e outras características demográficas e territoriais dos nosos municipios.
A comisión designada pola Fegamp recollerá as demandas dos concellos en canto a competencias e financiamento local e cando o documento estea finalizado, poñerao en disposición da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para a súa análise. Segundo destacou o presidente da Fegamp, Alfredo García: “Os concellos temos que anticiparnos ao debate competencial e de financiamento que se vai abrir para configurar a nova normativa. Os municipios galegos temos que ter claras as nosas demandas, axustadas ás particularidades do noso territorio”.
Acompañando ao presidente nas súas declaracións estiveron o resto de membros da Xunta de Voceiros, nun acordo unánime de todos os grupos políticos: Alfonso Villares, vicepresidente primeiro; Evencio Ferrero, vicepresidente segundo; Manuel Mirás, vicepresidente executivo e Benito Portela, voceiro da Fegamp. A comisión estará composta por representantes dos grupos políticos, técnicos da Fegamp e un grupo de expertos en materias de finanzas, dereito, urbanismo e outros eidos de especialización. O obxectivo é que a comisión logre pechar unha proposta neste primeiro semestre de 2016.