FEGAMP defende o cumprimento do Pacto Local sobre as competencias en educación e emerxencias

Data: 

martes, 5 Novembro, 2024 (Todo o día)

A Comisión de delimitación competencial volverá a xuntarse en decembro para abordar os servizos sociais e sanitarios

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) participou esta mañá na nova xuntanza da Comisión técnica de delimitación competencial no ámbito da administración local de Galicia, xunto coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

A representación da FEGAMP na xuntanza estivo encabezada pola súa secretaria Xeral, Patricia Vilán, e pola Consellería foi a directora Xeral de Administración Local quen encabezou a súa representación.

Retomáronse os traballos desta comisión o pasado 22 de xullo e nesa reunión acordouse traballar sobre os temas pendentes de aplicarse do Pacto Local asinado coa Xunta en 2006 vencellados cos servizos sociais, servizos sanitarios, educación e emerxencias. Finalmente, só puideron abordarse os asuntos vencellados coas emerxencias e co educación, xa que na reunión no participaron as persoas responsables das competencias en servizos sociais e sanitarios das respectivas Consellerías da Xunta de Galicia.

Competencias en Educación

Sobre educación, dende a FEGAMP lembrouse  que, no punto e) do apartado de financiamento do Pacto Local, a Xunta de Galicia  se comprometía a asumir os dos custos de mantemento dos centros de ensinanza primaria: “Creación dunha comisión mixta paritaria encargada de elaborar propostas con relación ás fórmulas que permitan que a Xunta de Galicia asuma os custos económicos que soportan os concellos derivados do mantemento dos centros de ensinanza primaria”.

Conforme a un acordo acadado no Marco da Comisión Mixta prevista no Acordo de desenvolvemento do Pacto Local celebrada en febreiro de 2007, a Xunta de Galicia asumiu:

  • Os custos de gasóleo de todos os centros educativos e os gastos de limpeza dos Centros Públicos Integrados (CPI).

A FEGAMP sinalou que despois deste acordo, hai xa máis de 17 anos, non se produciu ningún tipo de avance nesta materia. E por contra, os concellos foron asumindo un importe de gastos cada vez maior nestes centros, especialmente polo incremento do custo de mantemento dos colexios. E a día de hoxe quedarían por asumir un importante volume de gasto derivado de:

  • Combustibles dos Centros de Ensino Primario pendentes (gas...).
  • Electricidade.
  • Limpeza dos Centros de Ensino Infantil e Primario (CEIP)
  • Conserxería dos Centros de Primaria.
  • Restantes gastos dos centros de Primaria (reparacións...) actualmente soportados polos concellos.

Segundo a liquidación de orzamentos do ano 2023, os concellos asumiron un custo de 135 millóns de euros en materia educativa.

Competencias sobre emerxencias

Sobre as emerxencias, especialmente se debateu da situación do servizo de socorrismo e do financiamento dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

Tamén se lembrou que no Pacto Local se indicaba na cláusula sobre Compensación financeira que “o Goberno da Xunta de Galicia comprométese a artellar os mecanismos necesarios para compensar financeiramente as administracións locais galegas ante a aprobación de normas por parte da Comunidade Autónoma de Galicia que poidan supoñer unha minoración dos seus ingresos ou un aumento dos seus gastos”.

Próxima reunión en decembro

A Comisión acordou proseguir cos seus traballos cunha vindeira reunión na segunda semana de decembro, e neste tempo tanto a representación da Xunta como a da FEGAMP na Comisión achegarán a documentación presentada na reunión de hoxe.

Na vindeira xuntanza abordaranse os asuntos relacionados cos servizos sociais e cos servizos sanitarios, ademais de ir concretando os acordos posibles sobre os temas xa tratados (educación e emerxencias).

Por parte da FEGAMP participan nesta comisión, xunto coa secretaria Xeral, José Manuel Chapela, director Xeral; Xosé Manuel Rodríguez, coordinador Xeral, e Andrés Núñez, do equipo técnico.