Data:
A Fegamp canalizará o movemento reivindicativo das localidades de entre 20.000-50.000 habitantes para acadar o seu encaixe económico e competencial na Administración acorde ao peso sociodemográfico e económico que están a desenvolver.
A suxestión do Concello de Ames, a Federación convocou ás autoridades das 16 localidades neste tramo de poboación para recoller as súas queixas o reivindicacións.
Neste primeiro encontro todos os asistentes coincidiron na absoluta necesidade de cambiar o modelo de financiamento xeral, que os prexudica en favor das grandes cidades e localidades máis pequenas e, con carácter máis urxente, acadar cambios na adxudicación os fondos europeos para a reconstrución, xa reproduce
o escenario de deixalos “en terra de ninguén”. Segundo os cálculos da Fegamp, estes Concellos son o grupo con maior déficit de financiamento en termos per cápita, sendo en 2019 o diferencial con respecto á media galega de 127 € menos por habitante.
Periféricos das grandes cidades ou cabeceira de comarca, os Concellos entre 20.000-50.000 habitantes son os que experimentaron globalmente o maior aumento de poboación (78.000 habitantes, un 20% máis respecto ao ano 20000), único tramo no que este crecemento se da nos tres grandes grupos de idade (> 16 anos, 16- 64 anos e > 64 anos), paliando a caída poboacional da Comunidade Autónoma. O presidente da Fegamp, Alberto Varela, e alcalde de Vilagarcía de Arousa (38.000 habitantes) subliñaba esta feito así como as obrigas dos Concellos medianos de prestar determinados servizos que se esixe ás grandes cidades “o que está claro é que todos os que estamos aquí vertebramos un territorio e a nosa veciñanza ten as mesmas obrigas e os mesmos dereitos que o resto dos cidadáns”.
Os alcaldes e alcadesas coincidiron tamén na necesidade de pór orde nas competencias xa que outro dos problemas que lastran é a asunción de funcións alleas sen orzamento correspondente. Consideran que a Lei de Bases está obsoleta e impulsarán o seu cambio así como o da normativa que regula a contratación pública, que lles resta operatividade.
Con todas as testemuñas e achegas, a Fegamp elaborará nos vindeiros días un documento de traballo con reivindicacións e liñas de actuación concretas. Como sinala o presidente da Fegamp, Alberto Varela “hoxe é unha chamada de atención, estamos representadas todas as formacións políticas e esta discriminación aos
nosos concellos está dirixida tanto ao Goberno do Estado como Xunta de Galicia”.