Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias ven de asinar coa Xunta de Galicia o convenio de colaboración para a tramitación das sancións relacionadas coa COVID19.
Tanto a Abogacía do Estado como a asesoría xurídica da Fegamp avalan en senllos informes que a tramitación e responsabilidade no que atinxe ás sancións de carácter sanitario, coma por exemplo a motivada polo incumprimento da obriga de levar máscara, corresponden á Xunta de Galicia en tanto é a autoridade autonómica en materia de saúde, mentres que os concellos son competentes en materia de salubridade e polo tanto responsables só das sancións neste eido. Fronte a isto, a asesoría xurídica da Xunta de Galicia e o Consello Consultivo consideran que as entidades locais si son competentes.
Os municipios aceptan instruír os expedientes a cambio da axuda administrativa do Goberno autonómico por responsabilidade institucional, xa que consideraban que a xestión da pandemia non podía agardar á futura Lei de saúde de Galicia coa que a Xunta de Galicia pretende previsiblemente trasladar esta competencia ás entidades locais.
O devandito convenio aliviará aos concellos que se adhiran nas funcións de redacción de documentos e notificacións que realizará o persoal da Xunta de Galicia. As entidades locais deberán abonar á Xunta de Galicia as horas extras do persoal dedicado ao desenvolvemento destas tarefas, se ben, o Goberno autonómico trasladou verbalmente á Fegamp que en ningún caso esta cantidade poderá superar o 10% do recadado. Por outra banda, a Xunta de Galicia deixa fóra ás grandes cidades que non contarán máis que cos seus propios medios persoais para levar a cabo ditos trámites.