Data:

Anima aos concellos galegos a reafirmar o compromiso do municipalismo galego coa infancia dos nosos concellos e tamén coa infancia noutros lugares do mundo, porque protexer e escoitar á infancia, a todas as infancias, en calquera lugar do mundo, é crucial hoxe e mañá.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025.- A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) aprobou una declaración institucional polo Día Mundial da Infancia 2025 que vai conmemorarse o vindeiro 20 de novembro, sumándose ao chamamento de UNICEF Galicia.
Na declaración sinálase que “cómpre conmemorar o Día Mundial da Infancia non só para recoñecer os avances logrados, senón para evidenciar os retos persistentes, emerxentes, e nalgúns casos crecentes, que ameazan o benestar e o desenvolvemento da infancia en todo o mundo, especialmente en contextos de conflito e guerra.”.
“Garantir os dereitos da infancia non é só unha obriga legal, senón un imperativo ético. Non é unha cuestión de voluntariedade, senón de compromiso, responsabilidade e prioridade no cumprimento dos seus dereitos. Cada neno e nena merece crecer nun ambiente seguro, saudable, garante dos seus dereitos, impulsor de oportunidades e participativo” destaca o texto ao tempo que afirma que “dado o noso rol preto da cidadanía, desde as institucións locais debemos redobrar esforzos para que ningún neno ou nena quede atrás, para ofrecer espazos de participación e para impulsar os dereitos da infancia”.
Tamén se destaca que, este ano, no Día Mundial da Infancia “son moitos os desafíos ós que debemos enfrontarnos; retos trasladados por parte de UNICEF España ao Comité dos Dereitos do Neno e ante os cales, todos os niveis da Administración pública deben estar aliñados e coordinados, co fin de priorizar o interese superior do neno ou nena en calquera decisión”.
Por iso, este Día da Infancia ten que servir “para reafirmar o compromiso do municipalismo galego coa infancia dos nosos concellos e tamén coa infancia noutros lugares do mundo, porque protexer e escoitar á infancia, a todas as infancias, en calquera lugar do mundo, é crucial hoxe e mañá” polo que nos comprometemos a traballar:
- Dando prioridade ós nenos, nenas e adolescentes en risco de pobreza e/ou exclusión, promovendo medidas aliñadas coa Garantía Infantil Europea, co fin de abordar a elevada taxa de pobreza infantil crecente, universalizando o primeiro ciclo de educación infantil de 0 a 3 anos, reducindo as barreiras que atopa a infancia migrante e outros colectivos vulnerables para acceder ós seus dereitos sociais básicos, e promovendo iniciativas que aseguren o acceso a unha vivenda adecuada, así como unha planificación urbana onde se lle dea prioridade o benestar da infancia.
- Escoitando a opinión dos nenos, nenas e adolescentes, considerando as súas propostas e a súa visión a nivel local, e reforzando o compromiso para render contas, abrindo espazos para que nenas, nenos e adolescentes, reciban seguimento ás ideas e propostas que realizan.
- Protexendo a infancia, potenciando programas e mecanismos de protección fronte aos riscos da contorna dixital, mellorando a coordinación entre todas as institucións e actores a nivel local, poñendo a protección da infancia no centro, despregando efectivamente a Lei orgánica de protección integral á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI), e atendendo as necesidades da infancia co fin de que desfruten dunha adecuada saúde mental.
- Promovendo contornas seguros, limpas e saudables, incorporando programas para o fomento dunha mobilidade segura e independente para a infancia, e promovendo medidas para que nenos e as nenas vivan, crezan e se desenvolvan en ambientes sans e seguros.
- Comprometidos coa infancia en calquera lugar, especialmente cos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes que viven en lugares en conflito ou están a superar situacións de emerxencia, como no caso de Gaza.
Dende FEGAMP lémbrase que na actualidade, en Galicia hai dez Cidades Amigas da Infancia, en colaboración coa iniciativa promovida por UNICEF Galicia e UNICEF España: Burela, Castrelo de Miño, Moaña, Nigrán, Ponteareas, Redondela, Teo, Tomiño e Viveiro. Ademais, A Laracha e Cedeira tamén solicitaron este recoñecemento, que en breve será resolto.

Sede Electrónica