Data:
Ambas organizacións coinciden na necesidade de revisar as iniciativas para a promoción da práctica deportiva, como o Bono Deporte, para que realmente cumpran con ese fin e dende a colaboración cos concellos
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo hoxe un encontro co xerente do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física (COLEF), Diego Vilas.
O encontro, solicitado polo COLEF, serviu para establecer unha canle fluída de comunicación e colaboración entre ambas organizacións. Pola banda do COLEF, o seu xerente fixo fincapé na defensa profesional do seu colectivo, regulado por titulacións oficiais que acreditan a capacidade e os coñecementos necesarios para exercer profesionalmente.
Dende COLEF sinalaron que esta cuestión non sempre se ten en conta nos procesos de contratación pública, indicando situacións concretas nas que tiveron que intervir para que esas convocatorias de emprego promovidas por concellos recolleran a esixencia de titulacións oficiais en aplicación da Lei do Deporte de Galicia.
Sobre este asunto, Alberto Varela, comprometeuse a tratar este asunto na vindeira Comisión Executiva da FEGAMP, para despois informar e recomendar aos concellos ter en conta estes criterios para a selección e contratación de persoal responsable de actividades físico-deportivas nos concellos.
Na xuntanza tamén se abordou o Bono Deporte promovido pola Xunta de Galicia, que en opinión do COLEF “non promociona a práctica deportiva”, sendo “dirixido a un segmento da poboación moi reducido que xa está a practicar deporte”. Dende COLEF sinalan que este bono “exclúe a todas as persoas menores que non están inscritas en competicións, así como ao resto da poboación en xeral, onde se atopan os colectivos con niveis máis baixos de práctica e deberían incidir prioritariamente as iniciativas de promoción da actividade física e deportiva.”
Dende este colexio profesional prefiren outras iniciativas máis axeitadas para a promoción da práctica deportiva, como ,por exemplo, o caso da Comunidade Valenciana e de La Rioja, que aprobaron a dedución no IRPF do 30% e do 100% no caso de persoas maiores de 65 anos ou cun grado de discapacidade igual o superior ao 33% dos gastos motivados pola práctica deportiva, respectivamente.
Sobre este asunto, o presidente da FEGAMP sinalou o contraste entre o que dedican os concellos galegos para o deporte, que supón o 4,52% do total do gasto dos concellos (128.296.459 euros) e o que dedica a Xunta de Galicia, que lle supón o 0,39% do total do seu gasto (56.226.913 euros).
Nesta última partida se engloban os 16.200.000 euros dedicados ao Bono Deporte e os 4.795.412 euros destinados para infraestruturas deportivas, chamando a atención o desequilibrio de ambas partidas en relación aos concellos galegos, sendo este un asunto que tamén dende a Xunta de Galicia deberían revisar e traballar de xeito colaborativo cos concellos.