A Fegamp coincide co plan do CECOR para a ponte de San Xosé e Semana santa

Data: 

martes, 16 Marzo, 2021 (Todo o día)

Os concellos galegos estarán alerta para detectar movementos non permitidos de persoas, tanto de carácter interno como incumprimentos de turistas procedentes de fóra da nosa Comunidade Autónoma. Así o comprometeu o presidente da Fegamp, Alberto Varela, na reunión do CECOR celebrada hoxe para coordinar o plan de seguridade cara á ponte de San Xosé e as vacacións de Semana Santa.

Ademais de intensificar os controis do plan de seguridade na hostalaría, as Forzas e Corpos de Seguridade reforzarán a detección de turistas mediante a identificación de persoas e abrirán un procedemento sancionador en caso de que a persoa ou persoas non poidan xustificar adecuadamente a súa presenza nun lugar no que de ordinario non estarían autorizados.

Así mesmo, a Fegamp impulsará a coordinación entre as distintas administracións instando unha maior participación dos concellos nos CECOR provinciais e recomendando a interlocución directa con outras FFCCSSEE para advertir da detección de movementos. Unha vez máis, o municipalismo fai un chamamento á responsabilidade de toda a cidadanía para evitar un retroceso na contención da pandemia.