A FEGAMP celebrou o Obradoiro sobre comunidades enerxéticas rurais: proxecto POCTEP CEL RURAL e oportunidades de financiamento

Data: 

xoves, 22 Febreiro, 2024 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) albergou hoxe o "Obradoiro sobre comunidades enerxéticas rurais: proxecto POCTEP CEL RURAL e oportunidades de financiamento", contando cunha importante participación de responsables políticos e técnicos de concellos e deputacións, tanto presencial como "on line".

O obradoiro comezou coa intervención da secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán, que agradeceu o interese das persoas e entidades participantes e sinalou  o compromiso da FEGAMP na liña de traballo de promoción local das comunidades enerxéticas dende a súa participación no proxecto CEL_RURAL, liderado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, que mobilizara en Galicia uns 600.000 €, e ten por obxecto o desenvolvemento de actuación piloto para o fomento de comunidades enerxéticas en ámbitos rurais do espazo “Poctep”. Tamén sinalou a participación da FEGAMP no proxecto no proxecto europeo EC4RURAL, liderado pola Universidade de Vigo, que mobilizará en Galicia uns 700.000 € e que conta coa participación de vinte e dous concellos galegos. Para a secretaria xeral da FEGAMP  a implantación das comunidades enerxéticas en Galicia conta de xeito destacado coa contribución dos concellos galegos facilitando este camiño de empoderamento local e social, a promover un sistema enerxético descentralizado, democrático e sostible.

Despois interveu Pablo Álvarez Rodríguez, xestor de proxectos da División de Enerxía do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), institución que lidera o proxecto sendo un actor principal no eido das comunidades enerxéticas en Galicia, dende a súa promoción e acompañamento tecnolóxico. Pablo Álvarez dinamizou o obradoiro dentro do obxectivo de dar a coñecer o proxecto POCTEP CEL RURAL no que participa a FEGAMP  xunto con outros socios de España e Portugal, que vai traballar no fomento das comunidades enerxéticas con actuacións piloto en Galicia ademais de cursos e xornadas informativas ó longo da duración do proxecto.

 

Obradoiro sobre comunidades enerxéticas rurais: proxecto POCTEP CEL RURAL e oportunidades de financiación