Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias comunica á Xunta de Galicia e ao Clúster de Turismo a postura das entidades locais en relación aos aspectos abordados na última reunión para a elaboración dun fondo de axudas a autónomos, microempresas e hostalaría coa aportación das dúas administracións.
A Federación e as Deputacións Provinciais de Pontevedra, Lugo e A Coruña, subscriben o método do sistema da Comunidade de Valencia que propuxo adoptar a Xunta de Galicia e que establece a xestión do fondo a través dos concellos. Respecto á preocupación dos representantes de turismo e hostalaría polas diferencias nos prazos de execución segundo as distintas localidades, o procedemento da Comunidade valenciana e fórmulas xa en práctica en distintos municipios e recadadas pola Fegamp permiten a concesión destas axudas en cuestión de días.
Así mesmo, a Federación coincide co modelo valenciano en que o reparto do fondo debe realizarse exclusivamente entre os concellos contribuíntes para que os seus veciños se beneficien do esforzo dos impostos que pagan. Porén, e en base ao principio de solidariedade, a Fegamp pide á Xunta de Galicia que habilite un fondo adicional para aqueles concellos que demostren a súa incapacidade para aportar diñeiro ao plan de axudas común.
Consciente da importancia do tempo para as persoas que necesitan as axudas, a Fegamp remite o posicionamento coa máxima celeridade sen esperar as 48 horas que as partes se marcaron para a próxima xuntanza coa esperanza de recibir o acordo da Xunta de Galicia e poder avanzar nun proxecto tan urxente como necesario para milleiros de galegos e galegas.