A FEGAMP asina unha addenda para a creación de 5 novos GES

Data: 

martes, 16 Marzo, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias vén de asinar coa Xunta de Galicia e as Deputacións Provinciais unha addenda ao convenio en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais.

Este novo paso supón a creación de 5 novas unidades, dous delas na provincia de Ourense con sedes en  A Veiga (cobre A Veiga, O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso) e Maceda (asistencia en Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo), e tres na provincia de Pontevedra con sedes en A Lama (asistirá A Lama, Cercedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Ponte Caldelas), A Cañiza (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente) e Mos/Redondela (Mos, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior).

Súmase ao convenio servizo supramunicipal de Noia  (para Noia, Lousame e Porto do Son) e fixa un novo emprazamento do Ges que atende a zona sur de Terra Chá-Lugo e que agora incluirá Begonte, Friol, Guitiriz, Palas de Rei y Outeiro de Rei.

Con isto, o mapa de protección de emerxencia do convenio acada 29 GES e 4 servizos municipais que darn cobertura a uns 190 concellos, acadando unha cobertura de máis do 90% da poboación.

Os Grupos de Emerxencia Supramunicipais son un exemplo do froito da colaboración entre administracións. Dende a creación dos GRUMIR no ano 1997 ata os GES de hoxe firmáronse máis dunha decena de convenios ampliados ou mellorados por addendas. Neste marco de vontade e compromiso común, o presidente da Fegamp, Alberto Varela suxeriu buscar un instrumento ou figura legal que dote a este servizo esencial de estabilidade para que non dependa das sucesivas renovacións. Así mesmo, sinalou que dado o incremento de competencias e requirimentos que están a asumir estes corpos,  haberá que mellorar o seu financiamento.