A Fegamp asina un convenio para que os concellos poidan contratar estudos cartográficos a prezos máis competitivos

Data: 

xoves, 1 Xullo, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias asina xunto coa Xunta de Galicia e os concellos de Ames, Cee, Coirós e As Pontes,  un convenio para que estas entidades locais poidan facer estudos cartográficos a prezos máis competitivos.

O texto regula prezos para bases topográficas a escalas 1/5.000 (4,5€/Ha), 1/2.000 (18€/Ha) e 1/1.000 (45€/Ha) tendo en conta que esta última só será posible naqueles concellos voados no marco do PNOA10_Galicia (convenio previo para estudos cartográficos de alta resolución). 

O custo dos traballos cartográficos acordados neste convenio ascenderá a 257.095,15 euros, dos cales 207.095,15 serán financiados polos concellos e 50.000 serán aportados pola Xunta de Galicia. 

Os concellos deberán delimitar as zonas a cartografiar e achegar o financiamento necesario así como toda a información necesaria para a execución. Finalizada a base cartográfica, estará a disposición de todos os sinantes no acordo, polo que poderase  incorporar ás Bases Topográficas BTG v1.0 e BTUG v1.0 de Galicia. 

Durante a vixencia do convenio, ata finais de 2022, poderanse adherir novos asinantes mediante addendas. 

A Fegamp comprométese á promoción do obxectivo e das actuacións do convenio entre as entidades locais para conseguir a maior participación, así como a mediar par acadar vías de cofinanciamento dos traballos ao fin de que os concellos poidan acceder máis facilmente a unha cartografía actualizada e adaptada ás súas necesidades.