A FEGAMP asina o manifesto da Rede Ultreia do Ecosistema do Emprendemento

Data: 

venres, 28 Novembro, 2025 (Todo o día)

Nogueira de Ramuín (Ourense), 28 de novembro de 2025.- O vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou na sinatura do manifesto de vontades para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento (REDE ULTREIA), orientada a mellorar a coordinación, a complementariedade e o impacto das actuacións de apoio ao emprendemento en Galicia, presidida por Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.

Esta Rede está promovida polo goberno da Xunta de Galicia e concíbese como unha estrutura de coordinación estable, inclusiva e distribuída por todo o territorio galego, que integra a administración autonómica e local, universidades, GDR, cámaras, entidades empresariais, centros tecnolóxicos, espazos de coworking, viveiros, aceleradoras e organizacións sociais para apoiar, impulsar e acompañar o emprendemento desde unha perspectiva territorial. E nace coa finalidade de conectar os recursos e capacidades existentes en cada comarca, activando o talento local e transformando os recursos propios de Galicia —os seus sectores estratéxicos, o patrimonio natural, o coñecemento tradicional, a innovación e as comunidades locais— en proxectos emprendedores viables, sostibles e con impacto social e económico.

Dende esta Rede se promoverá un modelo de emprendemento baseado en tres principios transversais: a sustentabilidade como garantía de futuro; a dixitalización como ferramenta de conexión e competitividade; e a innovación social como motor de cohesión territorial e resposta aos desafíos demográficos e comunitarios.

Tamén asinaron o manifesto a Universidade de Vigo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Fundación Juana de Vega, a Empresa Nacional de Innovación (Enisa) e o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal). Este manifesto está aberto á participación de calquera outro axente do ecosistema emprendedor que se queira adherir a el.