A Fegamp asina coa consellería de Política Social un incremento de financiamento do SAF

Data: 

venres, 22 Outubro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias asina coa consellería de Política Social un acordo de mellora de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), prestación cuxos custos económicos, ata o de agora, soportan maioritariamente os concellos en beneficio dos seus veciños e veciñas.

A aportación autonómica aumentará progresivamente ano a ano: 11 euros/hora ata finais de 2022, 11,5 euros/hora durante 2023 e 12 euros/hora en 2024. O aumento inicial será inmediato e terá efectos retroactivos aplicándose a todo 2021. 

O custo do Servizo de Atención ao Fogar ronda os 16 euros/hora, polo que as entidades locais deberán manter unha contribución importante. Como o presidente da Federación, Alberto Varela sinalou “aos concellos nos gustaría que a aportación das outras administracións fose máis xenerosa”, se ben tras meses de negociacións “ambas partes teñen que ceder e hoxe acadamos un logro importante para o municipalismo e para os galegos e galegas”.

Varela sinalou a importancia de que Xunta se comprometa a revisar este acordo en 2025 e de que se cree unha comisión, que ademais de facer un seguimento para abordar melloras nas licitacións dos contratos do SAF, estude factores clave na prestación deste servizo como a dispersión xeográfica entre outros.

O Servizo de Atención ao Fogar prestado polos concellos é o preferido polos galegos e galegas, beneficiándose del 24.024 persoas, fronte as 7.077 que optan polas residencias. O obxectivo dos concellos é “que mellore o sistema, tanto a nivel normativo como de financiamento, e que a dependencia sexa asumida integramente polas Administracións que sinala a Lei, que son Goberno autonómico e Goberno de España, pero en primeira instancia e sobre todo, mellorar o modelo para que a cidadanía dispoña do servizo máis eficiente e coa maior calidade posible”.