Data:

Baixo o título “Contra a violencia, contra quen maltrata e contra quen a nega ou a relativiza” o texto foi aprobado pola Xunta de Voceiros e Voceiras e remitido aos trescentos trece concellos e ás catro deputacións galegas.
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025.- A Xunta de Voceiros e Voceiras da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) aprobou a declaración institucional para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e remitiuna aos trescentos trece concellos e ás catro deputacións galegas, , entre outras iniciativas que van desenvolverse.
O texto ten como título “Contra a violencia, contra quen maltrata e contra quen a nega ou a relativiza”, e comeza reafirmando “o rexeitamento e condena unánime á violencia machista que sofren as mulleres” e “o compromiso firme e irrenunciable para poñer fin á violencia contra as mulleres” do municipalismo galego, sendo “concellos e deputacións galegas conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade.”
A FEGAMP salienta no seu texto que “en 2025, 32 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas, 2 delas en Galicia. Ademais, 3 menores foron asasinados en contextos de violencia de xénero, sumando xa 65 dende 2003. O último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial advirte dun incremento do 5 % nas denuncias en Galicia respecto ao ano anterior.”
“Condenamos cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela” enfatiza a FEGAMP que, ademais, destaca que “negar ou relativizar a violencia machista é contribuír á súa persistencia, e fronte a iso as institucións galegas deben manterse firmes, unidas e comprometidas”.
Polo anterior, o conxunto de municipalismo galego, “alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, así como todo o persoal municipal, póñense a carón das vítimas e das súas familias para dicirlles que non permitirán que se vulnere o principio de igualdade nin se normalice esta violencia, un crime contra os dereitos humanos que nos empobrece como sociedade”, e na súa representación, a FEGAMP “quere recoñecer o compromiso da cidadanía galega na loita contra a violencia machista, animando a actuar con unidade e a rexeitar con firmeza os comportamentos violentos e a quen os ampara”, garantido ás mulleres nesta loita contra a violencia que padecen “non están soas; nin hoxe nin nunca”.

Sede Electrónica