A FEGAMP apela á Consellería de Medio Rural a seguir negociando cara acadar o maior consenso posible no novo convenio contra incendios forestais

Data: 

xoves, 4 Decembro, 2025 (Todo o día)

A Comisión Executiva da FEGAMP acordou non aceptar a proposta de convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais recibida dende a Consellería ao non recoller as propostas achegadas

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou hoxe reunión extraordinaria da súa Comisión Executiva para avaliar a proposta recibida dende a Consellería de Medio Rural de novo Convenio en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Despois de coñecer a información das últimas reunións mantidas da comisión de seguimento de devandito convenio, na que achegáronse propostas na liña de adecuar os contidos do novo convenio as necesidades evidenciadas na vaga de lumes padecida o pasado verán, a Comisión Executiva da FEGAMP acordou por maioría rexeitar a proposta recibida, apelando á Consellería a seguir negociando na procura do maior consenso posible sobre os contidos no novo convenio, dende as propostas achegadas de:

  • Seguir negociando a posibilidade de ampliar as intervencións en núcleos especialmente ameazados.
  • Establecer o prazo de vixencia do convenio en 2 anos, con outros dous prorrogables (coincidente co fin de mandato desta Comisión Executiva).
  • Reiterar que os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias do Fondo de Cooperación Local teñan carácter de financiamento incondicionado, conforme ao disposto no punto 1 da disposición adicional quinta da Lei 14/2010 da Comunidade Autónoma de Galicia, en concordancia cos relatorios aprobados na última Asemblea da FEGAMP, celebrada o 15 de novembro de 2023.
  • A non aprobación da Disposición Adicional terceira da lei de Medidas que acompaña ao proxecto de lei de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026, relativa á detracción polo importe do 30% das cantidades que lles corresponda percibir a cada concello no correspondente exercicio orzamentario pola súa participación no Fondo de Cooperación Local.
  • Incrementar a colaboración autonómica para asumir a ordenación da execución subsidiaria de menos de 10.000 a 15.000 habitantes.
  • Asumir a Xunta de Galicia o procedemento sancionador na súa totalidade.