A Fegamp alerta da situación de emerxencia dos Servizos Sociais municipais

Data: 

luns, 28 Decembro, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias solicitou unha vez máis á Xunta de Galicia a necesidade de que transfira fondos extraordinarios aos concellos, requirimento especialmente urxente para o mantemento dos Servizos Sociais.

A pandemia requiriu aos concellos intensificar e realizar novas tarefas, especialmente no eido dos servizos sociais, onde desenvolveron todo tipo de medidas extraordinarias coma o reparto de comida, medicación ou deberes escolares aos fogares, incremento da asistencia no domicilio e das axudas para necesidades básicas ou mesmo a posta en marcha de dispositivos de axuda a persoas sen fogar. O presidente Alberto Varela trasladou á conselleira de Política Social, Fabiola García, o importante aumento das distintas prestacións sociais, (só durante o confinamento os concellos galegos recibiron máis de 17.000 novos solicitantes de axuda) o que supuxo para ás entidades locais galegas unha presión económica de case 6 millóns de euros ao mes.

Un dos aspectos máis preocupantes para os concellos supón o adecuado financiamento da dependencia. Sen ser a súa competencia, os concellos aportan máis do 40% deste servizo á cidadanía: “se os prezos de licitación están arredor de 16 euros/hora, os concellos poñen 7, somos a administración que máis diñeiro aporta”. Se ben o aumento de horas ofertadas é positivo, Varela sinalou que é necesario que Xunta e Goberno do Estado aumenten a súa aportación porque “o custo para ás arcas municipais pode facer que concellos medianos ou pequenos non sexan quen de facer fronte á situación” .

A Fegamp agarda que a Xunta satisfaga ditos requirimentos cara a vindeira reunión para avanzar na Axenda social fixada para o mes de xaneiro.