Data:
O presidente da FEGAMP considera que esta reunión “chega tarde” e que a FEGAMP debería participar, aínda que siga esperando poder manter as xuntanzas solicitadas co ministro e coa conselleira.
O gasto que asumen os concellos galegos en servizos sociais, que xa supera os 350 millóns de euros, practicamente multiplicouse por dous nos últimos 7 anos, chegando a porcentaxe financiada polos concellos cos seus propios fondos ao 90%, 30 puntos por riba da media dos restantes concellos do Estado.
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, valorou a reunión que van manter o ministro de Derechos Sociales, Pablo Bustinduy, e a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, para avaliar a situación do financiamento dos servizos sociais en Galicia, e da que afortunadamente tivemos coñecemento polos medios de comunicación.
Para o presidente da FEGAMP “esta xuntanza chega tarde, e sobre todo, nesa xuntanza faltamos os concellos galegos representados pola FEGAMP”, diante da gravidade da situación pola falla de financiamento pola banda das administracións competentes, que son o Ministerio e a Consellería.
Alberto Varela sinala que, como presidente da FEGAMP e en cumprimento dos acordos adoptados na asemblea celebrada en novembro de 2023, “solicitei en febreiro pasado unha xuntanza ao ministro de Derechos Sociales co obxecto de abordar a grave problemática estrutural e de financiamento que están a soportar os concellos galegos na área dos servizo sociais comunitarios, por ter que asumir cos seus fondos propios a meirande porcentaxe do custo do Servizo da Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes por mor do incremento de prezos e polo incremento de horas en todos os grados de dependencia” e salienta que aínda “seguimos sen poder ter celebrada esa reunión, a pesares de ter enviado ao ministro toda a información sobre custos e financiamento do SAF para os concellos galegos”.
Algo parecido sucede coa conselleira de Política Social, a quen o presidente da FEGAMP solicitou “unha xuntanza o pasado xuño para poder avanzar na concreción do compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de incrementar a achega da Xunta ao financiamento do SAF. En xullo e en setembro reiterei a solicitude de reunión á conselleira, pero aínda seguimos sen novas”.
Nos últimos 7 anos en Galicia, o número de usuarios do SAF incrementouse de 12.300 a 26.000 persoas, máis do dobre, polo que nos próximos anos incrementarase aínda máis, tendo en conta ademais que en Galicia, a porcentaxe de persoas dependentes que optan polo SAF está preto dos 12 puntos por arriba da media estatal, tal e como reflicten os informes mensuais do Ministerio de Dereitos Sociais. A todas estas cuestións hai que sumar que concellos asumen na súa totalidade o custo do SAF de Libre concorrencia e o incremento das necesidades no Plan Concertado que se une a unha achega das CCAA e o Estado inferior respecto de 2010.
En Galicia, a porcentaxe financiada polos concellos cos seus propios fondos chega ao 90%, 30 puntos por riba da media dos restantes concellos do Estado, tal e como consta no informe do Plan Concertado. Polo que o gasto que asumen os concellos galegos en servizos sociais, que xa supera os 350 millóns de euros, practicamente multiplicouse por dous nos últimos 7 anos.
Neste contexto, Alberto Varela confirmou que “os custos do SAF aos concellos galegos están por riba dos vinte euros por hora de servizo de media, e chegando incluso aos vinte e cinco euros por hora de servizo, e tendo en conta que achega conxunta da Xunta e do Ministerio de Derechos Sociales ao SAF agora está nos doce euros/hora, precisamos co urxencia que tanto Ministerio como Xunta incrementen eses doce euros/hora da achega actual”.
“Dende a FEGAMP estamos a reclamar o financiamento completo do SAF de xeito conxunto entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Derechos Sociales en cumprimento do previsto na Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia nos seus artigos 9, 10, 11 e 32, polos que o financiamento do SAF corresponde ao Estado e ás CCAA, e se ben, esta Lei, no seu artigo 12, se refire aos concellos cando sinala que as entidades locais participarán na xestión dos servizos de atención ás persoas en situación de dependencia, non o fai sobre o seu financiamento, e menos sobre ter que ser os concellos a administración que máis recursos teña que achegar” explicou Varela que salienta que “os concellos galegos non podemos seguir sendo reféns da Xunta e do Ministerio, e seguir a financiarlles o que tiñan que ter financiado eles ao 100%, polo que lles instamos a que cumpran a lei, a que cumpran coas persoas usuarias do SAF, e a que cumpran cos concellos galegos”.
O presidente da FEGAMP rematou sinalando que “agardamos resultados positivos desta reunión e que tanto o Ministerio de Derechos Sociales e a Xunta de Galicia cumpran coas súas obrigas de cubrir o financiamento do SAF ao 100%. Pensamos que houbese sido un acerto ternos convidados a esa reunión tamén. Pero non sendo así, seguiremos a disposición do ministro e da conselleira para poder celebrar as reunións solicitadas, e incorporar así aos concellos galegos no proceso que poida resolver esta situación”.