Data:

“Os concellos galegos e a FEGAMP temos claramente acreditada a nosa vocación colaborativa coa Xunta, co Goberno, e con todas as institucións e organizacións coas que coincidimos no labor de mellorar a calidade de vida nos nosos municipios”
“Non somos unha administración secundaria e merecemos recibir a atención e o tempo que sexa preciso da Xunta de Galicia e do Goberno de España para abordar as dificultades que xorden e resolvelos en común”
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou un almorzo informativo cos medios de comunicación para facer balance da xestión desenvolvida en 2024 e os resultados obtidos, e sobre todo, para salientar os principais retos do municipalismo galego para o 2025 que está a comenzar.
No almorzo informativo participaron o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e a secretaria xeral, Patricia Vilán, que atenderon ás persoas profesionais dos medios que asistiron.
Comezaron as intervencións cunha mención á reelección de Alberto Varela como presidente da FEGAMP, sendo o primeiro presidente reelixido para un segundo mandato, para pasar a sinalar que en 2025 o bloqueo na interlocución e coordinación coas outras administracións na resolución dos problemas competenciais e de financiamento padecido no ano 2024, ten que superarse e resolverse optimamente para os concellos galegos.
Principais retos para 2025
O presidente da FEGAMP afirmou que “afrontamos o 2025 con optimismo e con todo o compromiso para poder seguir exercendo como a administración máis próxima, dando resposta nas mellores condicións ás necesidades da cidadanía que nos corresponden” sinalando que “do mesmo xeito, os concellos galegos e a FEGAMP temos claramente acreditada a nosa vocación colaborativa coa Xunta, co Goberno, e con todas as institucións e organizacións coas que coincidimos no labor de mellorar a calidade de vida nos nosos municipios”.
Alberto Varela proseguiu reiterando que “as principais teimas que temos urxencia por resolver se engloban ao cumprimento do establecido para o financiamento público local, ao que os concellos temos dereito recollido na Constitución, e que ten que provir das administracións autonómica e estatal”. Nun contexto no que parece haber consenso en reformar o financiamento público, “as administracións locais tamén temos que ter o noso papel nese proceso e, sobre todo, a mellora estrutural da situación do noso financiamento, xa que estamos a falar de mellorar as capacidades de atención dos servizos que prestamos á cidadanía”.
“Vencellado co financiamento público está a delimitación competencial para evitar que as administracións autonómica e estatal deixen sen cumprir as súas obrigas sobre competencias que lles corresponde, e sigamos sendo os concellos os que teñamos que asumir eses servizos en condicións cada vez máis precarias, o que tamén repercute na calidade do servizo e no condicionamento económico da nosa xestión”.
Varela se detivo en reclamar “respecto e coordinación institucional” porque os concellos “non somos unha administración secundaria e merecemos recibir a atención e o tempo que sexa preciso da Xunta de Galicia e do Goberno de España para abordar as dificultades que xorden e resolvelos en común, independentemente da afinidade política. O municipalismo galego somos 313 gobernos locais e 4 gobernos provinciais, lexítima e democraticamente elixidos, e contamos co respaldo da cidadanía que elixiunos como os seus representantes. Esa é a nosa forza, que aínda é maior cando actuamos dende o consenso da elaboración colectiva das propostas e reivindicacións, como na última Asemblea Xeral da FEGAMP de novembro de 2023.
O presidente da FEGAMP fixo fincapé lembrando que “as propostas políticas dos concellos son xustas, necesarias e rigorosas. E tamén son públicas, acreditando estar elaboradas dende a información oficial emanada das administracións e organismos competentes” e anunciou que “neste 2025 e diante de esta situación, temos a obriga de resolver estas dificultades, reformulando en positivo o noso labor, con máis implicación e compromiso, e apelando á responsabilidade das outras administracións”.
De seguido, relacionou os principais hitos:
- Informe sobre o financiamento dos concellos: a reforma do financiamento local. Achegas desde Galicia. Para ampliar o foco sobre este problema e intentar desatascalo, imos traballar coa USC na elaboración deste informe. Pola banda da USC participarán neste informe profesores de acreditada experiencia, como Xoaquín Fernández Leiceaga, Santiago Lago e María Cadaval, entre outros, contando tamén coa colaboración de expertos externos como Javier Suárez Pandiello, Alberto Vaquero e Concepción Campos.
- Reforma do financiamento local. Posta en común coa FEMP. Estamos aliñados co municipalismo no ámbito estatal na reivindicación da mellora estrutural do financiamento local mediante unha reforma que o actualice e adapte ás novas realidades da xestión. A FEMP hai tempo que tamén ven reclamando esa reforma e a participación no proceso de reflexión e elaboración da mesma, que ten que incluír melloras na participación dos ingresos do Estado e da Xunta, no caso de Galicia, así como resolver o financiamento das competencias que os concellos estamos asumindo.
- Comisión Galega de Cooperación Local. Así como a tamén a FEMP solicita a convocatoria ordinaria de Comisión Nacional de Administración Local, nós instamos á Xunta de Galicia a potenciar as funcións que ten a Comisión Galega de Cooperación Local, convocando a mesma de maneira periódica e regular e, en todo caso, antes da aprobación dos proxectos de orzamentos da Xunta ou de normas reguladoras do réxime local, como deber ocorrer coa nova lei das administracións locais que a Xunta anunciou antes do verán pasado e da que non temos máis información nin fomos convidados a participar no proceso aínda. Con isto queremos solucionar os atascos existentes as nosas solicitudes de reunión dende determinadas consellerías, institucionalizando o diálogo e restándolle discrecionalidade.
- Servizo de Axuda no Fogar SAF e Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais
Nun contexto de custos do SAF por riba dos vinte euros por hora de servizo de media, e chegando incluso aos vinte e cinco euros por hora de servizo, a achega conxunta da Xunta e do Ministerio de Derechos Sociales ao SAF que agora está nos doce euros/hora, é claramente insuficiente e obriga aos concellos a ter que asumir a meirande parte do custo.
E sobre isto, dende a reunión co presidente da Xunta en xuño pasado non temos máis información, salvo o anuncio en prensa de que agora en xaneiro se abordaría este asunto.
Xa avisamos que se a previsión da Xunta de Galicia pasa por incrementar a achega conxunta co Ministerio ata os 14 euros por hora de servizo no SAF, como parece que todo apunta despois da recente resposta do presidente da Xunta no Parlamento na que sinalaba esa cantidade como posible, resultará totalmente insuficiente, e todo seguirá igual para os concellos, que ven como sube o precio/hora nas licitacións e teñen que pagalo eles.
E todo isto non é un problema contable dos concellos. Estamos a falar da atención que se presta ás persoas dependentes nas súas casas, á que teñen dereito. E esta atención deber recibir todo financiamento necesario para garantir a súa calidade, e a calidade nas condicións laborais das persoas profesionais que o atenden. Non se trata de cadrar contas, senon de atender ás persoas que máis o necesitan.
Mención aparte merece o ministro de Derechos Sociales, Pablo Bustinduy, que recentemente xustificou en medios non haber atendido dende febreiro pasado a solicitude de reunión da FEGAMP porque primeiro tiña que reunirse coa conselleira de Política Social, e tamén por problemas de axenda. Ben, xa se reuniu coa conselleira e a FEGAMP segue esperando ser atendida. Pensamos que se tanto Xunta como Ministerio queren abordar seriamente resolver este problema, o primeiro sería que as tres administracións afectadas lle deramos a importancia que precisa, polo que esperamos recibir o respecto merecido e poder ser recibidos o máis cedo posible, aínda que non foi sen tempo.
- Escolas Infantís municipais
Sobre a gratuidade das escolas infantís demandamos á Xunta que se dote dun fondo específico anual con destino aos concellos que cubra a totalidade dos custos das escolas infantís municipais derivados da “gratuidade” establecida pola Xunta de Galicia, xa que os orzamentos para 2025 destinan uns 5 millóns de euros para os concellos con escolas infantís municipais, cando o seu custo está en torno aos 30 millóns de euros. Por contra, para as escolas infantís privadas, a contía destinada pola Xunta é de 45 millóns de euros.
Sobre este asunto, estamos estudiando a integración das escolas infantís municipais de Asturias dentro do previsto na Lei da Rede Autonómica de Escolas Infantís, como alternativa ao agravio que padecen as escolas infantís municipais en Galicia.
- Unidades de Asistencia ás Drogodependencias UAD
Despois dos incumprimentos públicos da Xunta dos seus compromisos da súa integración no Sergas a finais de 2023, seguiremos presionando para que cumpran cos seus compromisos e, sobre todo, coas súas obrigas, ao ser un servizo sanitario de competencia autonómica.
Forzaremos que a integración no Sergas sexa definitivamente en 2026, se ben, dende a Xunta deberían ser responsables a asumir o 100% do custo das UAD ata a súa integración.
Balance 2024
O presidente da FEGAMP sinalou que “comezamos o ano como nova comisión executiva recentemente elixida na nosa Asemblea Xeral de novembro de 2023 para desenvolver os retos aprobados unanimemente de cumprimento do Pacto Local, asinado en 2006, de reforzo da coordinación das administracións dende a definición competencial e do seu financiamento óptimo regulado por lei para garantir o desenvolvemento dos servizos que se prestan, de recoñecemento da autonomía e a capacidade de intervención para poder seguir sendo a administración máis próxima para a cidadanía galega”.
A convocatoria e celebracións das eleccións galegas do 18 de febreiro e a constitución do novo goberno da Xunta de Galicia acentuaron o retraso no tratamento dos asuntos pendentes de resolver. Retraso sumado ao desinterese e falta de compromiso durante todo o ano en atender os principais problemas dos concellos co orixe no falta de financiamento local e a delimitación das competencias tanto da Xunta como do Ministerio de Dereitos Sociais no que atinxe ao SAF e á dependencia.
O financiamento local procedente da Xunta de Galicia segue “conxelado” dende 2010 nos 112 millóns de euros na súa parte incondicionada, que é a que perciben a totalidade dos trescentos trece concellos galegos. Dende FEGAMP achegáronse á Xunta e aos grupos parlamentarios emendas aos orzamentos de 2025 para que os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias do Fondo de Cooperación Local (FCL) teñan carácter de financiamento incondicionado, incluídos os 5,4 millóns de euros que a Xunta destinou aos concellos de menos de 15.000 habitantes, ademais de demandar que a contía adicional condicionada do FCL (que supera os 40 millóns de euros) se integrara no fondo base para todos os concellos.
A Comisión técnica de delimitación competencial no ámbito da administración local de Galicia, posta en marcha no 2023 xunto coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, a pesares da urxencia dos seus traballos e da demanda da FEGAMP de axilizar o seu labor, só celebrou dúas sesións durante todo 2024, que sumadas ás tres sesións celebradas en 2023, obrigan aos concellos galegos a reforzar a esixencia de resolución óptima desta situación.
Os custos do Servizo de axuda no Fogar (SAF) están por riba dos vinte euros por hora de servizo de media, e chegando incluso aos vinte e cinco euros por hora de servizo, mentras que a achega conxunta da Xunta e do Ministerio de Derechos Sociales ao SAF non se moveu dos doce euros/hora, tendo que ser os concellos os que se fixeron cargo de pagar a diferencia. O presidente da Xunta anunciou unha mellora, pero nin a conselleira de Política Social, Fabiola García, nin o ministro de Derechos Sociales, Pablo Bustinduy, recibiron á FEGAMP para abordar a obriga de administracións de cubrir o 100% dos custos do SAF.
A “gratuidade” das escolas infantís está obrigando aos concellos con escolas infantís municipais a cubrila maiormente con seus fondos propios. Os orzamentos da Xunta para 2025 destinaron para esa “gratuidade” uns 5 millóns de euros para os concellos con escolas infantís municipais, cando o seu custo está en torno aos 30 millóns de euros. Por contra, para as escolas infantís privadas, a contía destinada pola Xunta foi de 45 millóns de euros.
As Unidades de Asistencia ás Drogodependencias (UAD ) non integráronse ao Sergas a finais do 2023, como a propia Xunta acordou coa FEGAMP, nin tampouco no 2024, e os 4 millóns de euros que achega a Xunta só cobren, de media, o 70% dos custos que teñen que cubrir os trece concellos con UAD.
Para abordar o anterior se solicitaron reunións co goberno da Xunta de Galicia e outras institucións. Co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrouse o 10 de xuño, e acordouse abordar o aumento da achega que os concellos reciben da Xunta de Galicia e do Ministerio de Derechos Sociales polo SAF, pero aínda non avanzou nada.
Xuntanzas solicitadas, pero non mantidas aínda, coa conselleira de Política Social, Fabiola García, polo SAF, e co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, polas UAD. Sí mantivéronse reunións co conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e de Facenda, Miguel Corgos, para coñecer a proposta de orzamentos para 2025, coa conselleira de Medio Ambiente para coñecer a súa decisión de subir o canón de Sogama aos concellos, e co conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sobre os terrenos portuarios desafectados para os concellos.
Sobre eses asuntos poderíase dicir que 2024 foi un ano perdido para os concellos galegos e para a FEGAMP, mentras que para os asuntos vencellados coa xestión a valoración é positiva, destacando as seguintes iniciativas:
- En solidariedade coas persoas e concellos afectados pola “DANA”, a FEGAMP colaborou co Federación Valenciana de Municipios, e se coordinou coa FEMP e coa Xunta e a Delegación do Goberno, no envío de bombeiros, servizos de rescate e de protección civil, solicitado dende as zonas máis afectadas, ademais doutros materiais de primeira necesidade recollidos polos concellos.
- Adxudicouse a Correos o contrato para a prestación dos servizos postais ás entidades locais galegas por 24 meses, prorrogable, con importantes descontos e vantaxes.
- Fixemos alegacións contra as subas do canon de Sogama aos concellos para 2024 e 2025 decididas pola Xunta de Galicia, apostando dende a FEGAMP pola redistribución aos concellos do recadado pola Xunta polo imposto.
- Coordinamos cos concellos a negociación do novo convenio dos GES coa Xunta e as deputacións
- Elaboramos unha guía para a xestión da nova taxa de lixo en colaboración coa UDC e a UCLM
- Colaboramos coa DGT para resolver os problemas de xestión da retirada dos puntos das multas de tráfico nos concellos
- Colaboramos coa Xunta na información das axudas na compra dos novos decodificadores vía satélite da TDT nos concellos con problemas de recepción
- Formamos a preto de mil seiscentos profesionais das administracións locais galegas
Durante o 2024 tamén destacaron os seguintes eventos:
- Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Mulleres, 8 de Marzo, celebramos a xornada “Pioneiros. Políticas de Igualdade nos concellos galegos. Concellos galegos na vangarda das políticas de Igualdade” cunha importantísima asistencia e representación institucional dos concellos galegos, da Xunta de Galicia e do Goberno de España.
- Participamos e colaboramos na organización do Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas”, promovido polo Fondo Galego de Cooperación, e celebrado na Coruña coa participación de alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia e outros puntos do Estado co fin de poñer en valor o papel das mulleres no poder local.
- En colaboración do Concello de Barbadás presentamos a campaña “QUE A VERGOÑA CAMBIE DE BANDO” coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a violencia machista, 25 Novembro.
- Celebramos a xornada “Contratación pública estratéxica de xestión de residuos municipais: recomendacións e boas prácticas” no marco do Foro Galego Local de Economía Circular (Fogalec).
Por último, o balance rematou cunha avaliación positiva da participación da FEGAMP nos seguintes proxectos:
- Rede de experiencias turísticas baseadas na tradición rural RETTURN. Proxecto desenvolvido coas federacións de municipios de Andalucía, Aragón, Canarias, Estremadura, Valencia e Galicia.
- EC4Rural. Proxecto desenvolvido para fortalecer e transformar as relacións entre autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para impulsar as comunidades enerxéticas nos municipios rurais, contribuíndo á transición cara ás enerxías limpas nas zonas rurais europeas.
- CELRural. Proxecto desenvolvido para o fomento da implantación de enerxías renovables no ámbito rural para reforzar o desenvolvemento dun sistema enerxético sostible en rexións transfronterizas do espazo POCTEP dende modelos innovadores de comunidades enerxéticas locais en contornas rurais.
- Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente. Proxecto desenvolvido co GDR “Montes e Vales Orientais” para promover un ecosistema de innovación transversal e integral de dinamismo económico e demográfico da comarca lucense de Montes e Vales Orientais.