A Fegamp advirte do risco de servizos esenciais coma o SAF e da propia reconstrución socioeconómica se non se escoita aos concellos

Data: 

venres, 18 Xuño, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias reiterará á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado que é imprescindible a participación activa dos concellos na reconstrución e a transferencia urxente de fondos.

No seo dunha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o presidente da Fegamp, Alberto Varela constatou que servizos esenciais tan importantes para a cidadanía como o SAF non serían posibles se non fose pola vontade dos concellos que, sen lles corresponder,  están a aportar 7 dos 16 euros/hora que custa de media. Varela e Rey coincidiron na urxencia dun axeitado reparto e financiamento das competencias, xa que a este estrés económico sostido víronse a engadir os sobrecustos da pandemia.

Varela sinala que “o diñeiro ten que chegar xa aos concellos, xa que somos a única administración que estamos a enfrontar todo isto cos nosos propios medios, a diferencia da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado que si recibiron transferencias”, e coincide con Inés Rey en que a reconstrución ten que facerse contando co municipalismo “que non só somos os que topamos cara a cara coa realidade e polo tanto coñecemos as necesidades sobre o terreo, senón que ademais somos os que temos que levar a teoría á práctica”.

Nese sentido Varela sinala que a necesidade de aproveitar esta “tesitura de transformación para facer un bo encaixe das administracións, un encaixe que debe comezar xa, con esta reconstrución socioeconómica se queremos que se desenvolva da forma máis
eficaz e eficiente y academos os mellores resultados posibles.”