A Fegamp acorda coa Delegación do Goberno un plan especial de control anti-COVID19

Data: 

venres, 9 Xullo, 2021 (Todo o día)

 A Federación Galega de Municipios e Provincias acada coa Delegación do Goberno un plan de coordinación entre as FFCCSSEE e as Policías Locais para conter a pandemia do coronavirus.  

A reunión responde ao reiterado chamamento dos concellos para que dende as outras administracións se reforce a labor duns corpos policiais municipais desbordados por unha desescalada que amplía os eidos nos que é necesario controlar o cumprimento das medidas de prevención.

Neste sentido Varela solicitou ampliar a máis concellos métodos de colaboración similares aos que se están a desenvolver nas grandes cidades; “o que se tratou nesta reunión é de coordinar os escasos medios  que temos para que ben mediante patrullas mixtas naqueles concellos que sexa posible ou ben mediante a distribución do territorio, tratar de alcanzar todos os obxectivos que se nos están marcando: control de parques, praias, aforos de hostalaría, aglomeración de espazos públicos...”.

A Federación leva tempo a trasladar a preocupación dos concellos pola incapacidade para chegar a todos os eidos nos que se está requirindo labores de control. Unha situación agravada co aumento da actividade social e agora coa chegada de turistas que nalgunhas localidades duplican a poboación.

As entidades locais agradecen o esforzo da Delegación do Goberno para concretar actuacións coordinadas dado que como sinala o presidente da Federación, Alberto Varela, “os medios non son ilimitados e se non hai colaboración de todos non é posible cumprir os obxectivos que se nos están pedindo”.

Varela insiste na necesidade de que se convoquen mesas de coordinación entre as tres administracións, nas que os concellos teñan voz á hora de decidirse as medidas para valorar a súa viabilidade, xa que  “se somos os concellos os que temos que controlar todas as cuestións relacionadas coa emerxencia sanitaria nos espazos públicos é lóxico que non sexamos receptores da mensaxe senón que participemos activamente nesa toma decisións e que se nos escoite para ver se podemos controlar todo o que se nos está pedindo” .