Data:

O presidente e os vicepresidentes da FEGAMP reuníronse no Parlamento de Galicia cos voceiros e voceiras dos grupos do BNG, do PSdeG e Mixto, á espera de poder facelo tamén co voceiro do grupo do PP.
Propostas como o incremento do financiamento local, cobertura económica do SAF e da gratuidade das Escolas Infantís, tamén das UAD ata a súa total integración no SERGAS, entre outras, foron presentadas aos voceiros e voceiras.
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), representada polo seu presidente, Alberto Varela, e polos seus vicepresidentes (Ángel Moldes, alcalde de Poio; Secundino García, alcalde de San Sadurniño; e María Barral, alcaldesa de Betanzos) ven de celebrar unha rolda de reunións no Parlamento de Galicia cos voceiros e voceiras parlamentarias para abordar o tratamento do financiamento local nos orzamentos para 2026 que o goberno da Xunta de Galicia está a elaborar.
A delegación da FEGAMP mantivo reunións coa voceira do grupo do BNG, Ana Pontón; co voceiro do grupo do PSdeG (José Ramón Gómez Besteiro), e do grupo Mixto, Armando Ojea. Por motivos de axenda non foi posible celebrar a reunión co voceiro do grupo do PP, Alberto Pazos, con quen se espera poder manter a reunión o máis cedo posible.
As tres xuntanzas celebráronse de xeito cordial e con moita receptividade polas principais persoas responsables dos grupos parlamentarios ás propostas presentadas pola FEGAMP, que foron aprobadas previamente polos seus principais órganos de decisión.
Fondo de Cooperación Local
A FEGAMP pon o foco das súas propostas sobre o Fondo de Cooperación Local (FCL), que é o financiamento local procedente da Xunta de Galicia, que leva “conxelado” nos 112 millóns de euros dende 2010 na súa parte incondicionada, e que é a que perciben a totalidade dos trescentos trece concellos galegos. Por iso, proponse que
os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias do FCL teñan carácter de financiamento incondicionado, incluso os 5,4 millóns de euros que a Xunta destinou nos orzamentos de 2025 só aos concellos de menos de 15.000 habitantes, no caso de que se manteña esta liña.
Nas propostas tamén se demanda que a contía adicional condicionada do FCL (que nos orzamentos de 2025 superaron os 40 millóns de euros) se integre no fondo incondicionado para todos os concellos, con independencia da súa poboación. Ademais, tamén se demanda que para o reparto do FCL se teñan en conta os criterios de poboación, superficie, núcleos de poboación e porcentaxe de maiores de 65 anos, conforme ao disposto no punto 5 da disposición adicional 5ª da Lei 14/2010, de Orzamentos da Xunta de Galicia.
Políticas sociais
É pública a reclamación da FEGAMP para que Xunta e Ministerio de Dereitos Sociais cubran o 100% do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en cumprimento do previsto na Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia nos seus artigos 9, 10, 11 e 32, cuestión que tamén achegouse aos grupos.
Ademais, demándase que se dote dun fondo específico anual con destino aos concellos que cubra a totalidade dos custos das escolas infantís municipais derivados da “gratuidade” establecida pola Xunta de Galicia, xa que nos orzamentos para 2025 destinaron uns 5 millóns de euros para os concellos con escolas infantís municipais, cando o seu custo estivo en torno aos 30 millóns de euros. Por contra, para as escolas infantís privadas, a contía destinada pola Xunta nos orzamentos de 2025 foi de 45 millóns de euros. E tamén demándase que a Xunta de Galicia cumpra o disposto no artigo 13 da lei 5/2021, de Impulso Demográfico de Galicia, e proceda á creación inmediata dun fondo específico anual con destino aos concellos e dirixido ao equilibrio demográfico territorial.
Sanidade
En materia sanitaria a FEGAMP demanda as medidas necesarias para que se dea cobertura ao 100% dos gastos das 13 Unidades Asistenciais á Drogodependencia dende o 1 de xaneiro de 2026 mentres non se materialice a integración definitiva das mesmas no SERGAS e deixen de depender dos concellos respectivos. E tamén que se incorporen aos orzamentos as cantidades necesarias para asumir a cesión daqueles Centros de Saúde de titularidade que remataron os trámites e que están pendentes da aceptación por parte da Xunta de Galicia. Nos restantes casos, tamén se demandan os procedementos necesarios para que a partida destinada aos centros de saúde sexa permanente e non suxeita ao crecemento ou decrecemento do Fondo de Cooperación Local mentres non se complete a cesión da totalidade dos centros, ademais de incluír nesta partida, como xa se solicitou de forma reiterada pola FEGAMP, aos consultorios integrados nos Grupos I e II do Convenio, que teñen nalgúns casos uns gastos moi notables
Ensino
A FEGAMP solicita que se incorporen aos orzamentos novas cantidades que permitan darlle continuidade ao disposto no apartado d) de financiamento contido no acordo de desenvolvemento do pacto local galego, asumindo novos custos económicos derivados do mantemento dos centros de ensinanza primaria.
Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas
Dende a FEGAMP tamén se achegan propostas ao futuro proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompañará ao proxecto de Lei de Orzamentos de 2026, polas que se insta á Xunta de Galicia a potenciar as funcións que ten a Comisión Galega de Cooperación Local, convocando a mesma de maneira periódica e regular e, en todo caso, antes da aprobación dos proxectos de orzamentos da Xunta de Galicia ou de normas reguladoras do réxime local.
Tamén se insta á Xunta a constituír un organismo permanente de carácter paritario que teña como finalidade garantir o respecto a autonomía e competencias locais, tanto nos procesos de elaboración normativa, como na xestión e planificación das políticas públicas, canalizando a colaboración e cooperación interinstitucional entre a Xunta e os concellos nas áreas máis sensibles de competencia compartida (servizos sociais, augas, portos, tratamento de residuos, policías locais), como xa ocorre noutras comunidades autónomas.
Por último, e en defensa do seu labor consultivo, a FEGAMP demanda nas súas propostas a modificación do actual réxime de audiencia das asociacións de municipios e provincias (FEGAMP) sobre as disposicións de carácter xeral e anteproxectos de lei no senso de fixar a mesma como preceptiva, e estendendo o prazo mínimo para emisión dos respectivos informes a quince días.

Sede Electrónica

