As entidades locais impulsan a Axenda 2030 en Galicia coa UNED e Fuertes Razones

Data: 

venres, 18 Marzo, 2022 - 13:30

A Federación Galega de Municipios e Provincias, a Uned Pontevedra e a organización Fuertes Razones colaborarán para impulsar en Galicia o desenvolvemento da Axenda 2030,  plan estratéxico de 169 metas para avanzar nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

As tres entidades veñen de asinar un convenio para fortalecer a capacitación formativa e técnica nas entidades locais galegas, cara a promover e intensificar as políticas aliñadas coas metas e indicadores dos ODS e fomentar o coñecemento, concienciación e participación da cidadanía galega.

Esta alianza, na que a Fegamp aporta o financiamento das accións comprometidas, a Universidade Nacional de Educación a Distancia en Pontevedra prové a plataforma de formación e os expertos da entidade social Fuertes Razones se encargarán do asesoramento, supón en si mesmo un primeiro paso no cumprimento do Obxectivo17 da Axenda “Alianzas para acadar obxectivos”.

A principios de abril comezará “Galicia 2030: Programa de formación e implementación da Axenda 2030 e os ODS en Galicia”, unha serie de talleres de proxectos e políticas públicas específicos por ODS que se desenvolverán durante case dous meses. Se aspira a que os froitos desta primeira acción cheguen a 150 concellos de toda Galicia.

Este convenio supón, como sinala o secretario xeral de Fuertes Razones, Daniel Vigo, “facer realidade unha iniciativa pioneira e de gran importancia que coloca a Galicia á cabeza no camiño da consecución dos ODS”. O director de UNED Pontevedra, Víctor M. González destacou “a vocación das institucións públicas como a Universidade a distancia e o privilexio de contribuír en accións tan importantes para as persoas”, mentres que o presidente da Fegamp, Alberto Varela, valorou esta alianza como un traballo crucial “no se que están a sentar as bases da futura sociedade”.