A difusión dos dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais será apoiada pola Federación

Data: 

mércores, 9 Xaneiro, 2019 (Todo o día)
xuntanza da directiva da Fegamp coa directiva de DMD-Galicia

O 9 de xaneiro tiña lugar unha xuntanza entre o presidente da Fegamp, Alfredo García, acompañado do técnico da Federación, Andrés Núñez, e a presidenta da asociación DMD-Galicia, Ascensión Cambrón, acompañada da secretaria da asociación, Lucía Calvo. A reunión foi a culminación das conversas mantidas con esta asociación, que se estenderon no tempo desde 2017, para acordar a forma de difundir os dereitos e garantías das persoas enfermas terminais de Galicia.

Tras a xuntanza mantida, a Xunta de voceiros da Fegamp, daba tamén o visto bo á unha declaración institucional realizada en sintonía coa asociación DMD-Galicia, e centrada en dar difusión a Lei 5/2015 de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais publicada no DOG o 26 de xuño, co obxectivo de mellorar a calidade de vida de todos os pacientes da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen en situación terminal, así como das persoas a elas vinculadas, sen diferenza en canto á patoloxía basal, localización xeográfica ou idade, de xeito racional, planificado, coordinado e eficiente, de acordo coas súas necesidades e respectando a súa autonomía de valores.

En base a estas premisas a Xunta de Voceiros da Fegamp daba o seu apoio de forma unánime o texto no que se especifica os compromisos da Fegamp e, principalmente, a Federación comprométese a:

  • apoiar a proposta da asociación DMD-Galicia para o recoñecemento da data do 12 de xaneiro (conmemoración da morte de Ramón Sampedro, como Día da Morte digna en Galicia
  • a impulsar e potenciar accións e procedementos que faciliten á poboación, especialmente no mundo rural, o outorgamento do documento de instrucións previas
  • ou tamén se compromete a promover a realización de campañas informativas nos centros sanitarios da Comunidade Autónoma e servizos sociais dos concellos galegos para difundir a “Lei 5/2015, do 26 de xuño, de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais”.

Para o desenvolvemento destas medidas a Fegamp seguirá mantendo xuntanzas periódicas coa asociación DMD-Galicia e a Consellería de Sanidade para asinar un convenio no que se plasmen os compromisos de todas as partes neste ámbito.

Descargas: