DÍA MUNDIAL DA INFANCIA 2023: UN DIA DE ACCIÓN PARA A INFANCIA, COA INFANCIA - DECLARACIÓN DA XUNTA DE VOCEIROS DA FEGAMP

Data: 

mércores, 8 Novembro, 2023 (Todo o día)

DÍA MUNDIAL DA INFANCIA 2023

Un día de Acción para a infancia, coa infancia

DECLARACIÓN da Xunta de Voceiros da FEGAMP

 

O Día Mundial da Infancia é o día mundial de acción para os nenos, nenas e adolescentes, por eles e elas e contando con eles e elas nestas accións. Un día para conmemorar a adopción da Convención sobre os Dereitos do Neno, (CDN) o 20 de novembro.

A este movemento azul pola infancia súmase a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), á beira de UNICEF España e UNICEF Comité de Galicia. Cando se cumpren 34 anos da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno, neste Día Mundial da Infancia é importante poñer en valor os grandes logros a favor dos dereitos dos nenos e as nenas, así como o poder transformador de involucralos de maneira directa na construción dun mundo mellor para eles e para elas, e con iso, para todos.

Un día no que non hai que esquecer que os nenos, nenas e adolescentes enfróntanse tamén a múltiples desafíos, como a violencia, a pobreza e as desigualdades incrementadas polas últimas crises económicas, a crise climática ou as consecuencias económicas e sociais da COVID-19 e da guerra en Ucraína, que puxeron en risco o dereito á vida de millóns de persoas no mundo, e especialmente de nenos, nenas e adolescentes.

Os nenos, nenas e adolescentes están no centro das decisións políticas do noso Concello porque:

1. Son o 13.90%  da nosa poboación.

2. Ademais de ser unha obriga derivada da Convención sobre os Dereitos do Neno, ter en conta aos nenos e nenas demostra unha visión a medio e longo prazo a nivel local e enlaza coas follas de roteiro das que os países dotáronse a nivel internacional para facer fronte a desafíos globais, como a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, a Nova Axenda Urbana ou a Garantía Infantil Europea.

3. Investir en infancia é unha opción economicamente rendible que reporta beneficios a toda a poboación: promove o desenvolvemento económico e social ao aumentar a produtividade, o crecemento económico e os niveis de cohesión social.

4. Poden ser máis vulnerables á pobreza, á violencia e á explotación.

5. Desenvolver a tempo as políticas e investimentos necesarios, cun enfoque preventivo que está na natureza dos gobernos locais, reduce posibles vulneracións dos seus dereitos, co consecuente aforro económico e social.

6. Son titulares de dereitos e o cumprimento dos mesmos implica a necesidade de mellorar leis, políticas públicas, programas e medidas.

7. Teñen dereito a ser escoitados e escoitadas e a participar en todos os asuntos que lles afecta. A participación, ademais dun dereito, é un principio reitor da Convención sobre os Dereitos do Neno.

8. É necesario promover a solidariedade interxeracional: porque os sistemas públicos de servizos e protección social baseados neste principio teñen que mirar tamén á infancia e ás familias con nenos e nenas por razóns de xustiza e sustentabilidade.

Asegurar a consecución dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes é unha cuestión colectiva e de obrigado cumprimento. Os desafíos aos que se enfrontan requiren respostas coordinadas e escaladas, a nivel global, nacional, rexional e local. Por iso nun Estado como o noso, que ratificou a Convención sobre os Dereitos do Neno en 1990, é fundamental o compromiso e o investimento que fan todas as administracións públicas, no noso caso os gobernos locais. 

Desde a FEGAMP non somos alleos a esta realidade. Por iso, comprometémonos coa promoción dunha maior e máis eficiente investimento na infancia, recomendando que se asignan os recursos necesarios para avanzar na consecución dos seguintes obxectivos:

  • Cada neno, nena e adolescente é valorado, respectado e tratado xustamente, facendo das entidades locais espazos socialmente inclusivos, que permitan impulsar as capacidades de nenos, nenas e adolescentes, que loiten contra a discriminación -xa sexa esta social, económica ou de xénero- e que lles ofrezan unha oportunidade para alcanzar todo o seu potencial, con independencia da súa idade, sexo, capacidades físicas ou mentais, orixe ou procedencia, ou situación económica, entre outros.
  • As voces, necesidades e prioridades de cada neno, nena e adolescente deben terse en conta en todas as decisións que lles afectan, incorporando a participación infantil e adolescente con carácter estratéxico na elaboración, seguimento e avaliación das políticas locais de infancia e adolescencia, impulsando a creación de órganos estables, dotados de recursos e con carácter sostible que canalicen a súa participación.
  • Todos os nenos, nenas e adolescentes deben ter acceso a servizos esenciais de calidade. Impulsando medidas e dedicando recursos especificamente dirixidos á poboación infantil e adolescente no ámbito local, cun enfoque preventivo e universal no deseño das prestacións e servizos sociais para combater a pobreza infantil, aliñados coas prioridades e enfoques da Garantía Infantil Europea.
  • Todos os nenos, nenas e adolescentes viven en contornas seguras, gozan dun medio ambiente limpo e sustentable. Creando contornas protectoras con recursos e capacidades suficientes para garantir, desde un enfoque preventivo e en coordinación cos distintos ámbitos, a protección de nenos, nenas e adolescentes ante situacións de risco e violencia. E impulsando un medio ambiente san para a infancia, tal e como se recolle na recentemente aprobada Observación Xeral nº 26 do Comité dos Dereitos do Neno.
  • Impulsar e promover os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes a nivel global, especialmente en situacións de emerxencia.

 

Por iso, con esta declaración, a Xunta de Voceiros da FEGAMP manifesta o seu compromiso no marco do Día Mundial da Infancia de 2023.

 

En Santiago de Compostela a 7 de novembro de 2023

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Texto da declaración en pdf136.24 KB