Data:
Conmemoramos o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres tendo coñecemento dunha nova muller asasinada pola súa exparella en Baiona. Condenamos este novo crime e queremos achegar o noso apoio e solidariedade á familia da vítima, ao tempo que confiamos en que o asasino sexa detido e xulgado o máis cedo posible.
Os concellos e as deputacións somos conscientes da urxencia para conseguir que a violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo deixe de ser estrutural na nosa sociedade. Reafirmamos o noso compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres, sendo un obxectivo irrenunciable e prioritario.
Como parte activa da nosa sociedade compartimos ese compromiso, como parte do esforzo colectivo imprescindible que ten que transformar as estruturas que seguen a manter o machismo e a desigualdade dende discursos e acción negacionistas. Desgraciadamente e a pesares dos avances, é evidente o moito que queda aínda por facer.
A condena da violencia machista en todas as súas manifestacións e o traballo colectivo na construción dun presente no que ningunha muller sexa vítima desta violencia teñen que reforzarse, dende o compromiso activo que poña fin a esas
actitudes patriarcais.
1.284 mulleres asasinadas por homes que eran, ou foron, as súas parellas dende 2023. 40 mulleres asasinadas no que vai de ano 2024. Máis de 95.000 denuncias presentadas por mulleres vítimas de violencia machista. Unha sociedade democrática e de Dereito debe ser incompatible cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres.
Violencia na que homes non só acosan, feren ou matan a mulleres: violencia económica que priva ás mulleres da súa independencia económica ao ter que depender de quen as maltrata; violencia vicaria na que fillos e fillas tamén son vítimas para facer aínda máis dano ás súas nais; violencia dixital das ameazas, acoso e chantaxe na contorna virtual, ademais da cousificación das mulleres na pornografía, á que se accede de xeito xeneralizado dende móbiles, tablets e ordenadores; prostitución pola que mulleres son obrigadas a ser escravas sexuais.
Non podemos obviar a violencia que padecen as mulleres de países en situacións de regresión cultural e social, nos que os integrismos relixiosos ademais lles privan dos seus dereitos e liberdades fundamentais, como en Afganistán en que as mulleres están recluídas nas súas casas, sen acceso á educación, ao traballo nin a ningunha relación social. Tamén en sociedades occidentais as mulleres que deciden abortar son acosadas e criminalizadas por extremistas que din defender a vida.
Nin as situacións extremas de violencia que padecen as mulleres en zonas de conflito armado, sendo obxecto de abusos, violacións e escravitude sexual con total impunidade. Estas atrocidades deben levarnos a reforzar a defensa dos dereitos humanos e a protección das vítimas, esixindo respecto, xustiza e reparación.
Por iso tamén temos que salientar a Directiva europea sobre a loita contra a violencia contra as mulleres, que establece medidas para combater a violencia machista e garantir o acceso á Xustiza e a protección ás vítimas, obrigando aos Estados membros a reforzar os servizos de atención e apoio, a que aseguren unha axeitada resposta penal tipificando novos delitos como o ciberacoso, e a que promovan a cooperación transfronteiriza para evitar desprotección. Urxe que se inicie a transposición desta Directiva ao noso ordenamento xurídico e normativo en reforzo da atención e a protección ás mulleres vítimas.
Todas as administracións, dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia, os concellos e as deputacións, temos que seguir a promover avances na loita contra a violencia machista e a protección das vítimas, incidindo na prevención.
Dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) tamén reforzamos o noso compromiso de loita contra a violencia machista, promovendo máis coordinación entre as administracións para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades.
Dende o municipalismo galego facemos un chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres. Non pode haber máis silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas que sofren a violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
Texto da Declaración en pdf | 101 KB |
Cartel 25 N | 3.77 MB |