Data:

Na reunión da mesa de traballo celebrada hoxe na FEGAMP avanzouse sobre os contidos relativos aos obxectivos, sobre as obrigas e as respectivas funcións na prestación do SAF vencelladas coa prevención de riscos laborais, sobre os factores de risco relacionados coa actividade no servizo, e sobre os efectos da violencia sobre a saúde e as medidas de prevención necesarias.
O presidente da FEGAMP sinalou que “nesta mesa estamos a traballar de xeito construtivo e plural, amosando todas as partes participantes o seu compromiso e colaboración para acadar consensos nos contidos do protocolo e para reclamar os cambios normativos que permitan ao protocolo ser útil nas súas funcións”
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026.- Hoxe celebrouse na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a terceira xuntanza da mesa de traballo para a elaboración dun protocolo de seguridade para o persoal do Servicio de Axuda no Fogar (SAF), na que as persoas representantes do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) da Xunta de Galicia presentaron unha nova versión revisada da proposta de protocolo a partires dos traballos da anterior reunións e das aportacións achegadas.
A reunión contou coa participación de representacións da Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e do ISSGA, da Delegación do Goberno, ademais das representacións das asociacións empresariais do sector (AGESAF e ASADE), das organizacións sindicais máis representativas (CCOO, CIG, CSIF e UGT) e do Colexio Oficial do Traballo Social de Galicia. Pola banda da FEGAMP participou unha delegación encabezada polo seu presidente, Alberto Varela, acompañado polo vicepresidente primeiro e alcalde de Poio, Ángel Moldes; o vicepresidente segundo e alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e a vicepresidenta executiva e alcaldesa de Betanzos, María Barral.
Os traballos da reunión se desenvolveron en torno a este segundo borrador elaborado polo ISSGA, despois de que todas as organizacións e institucións participantes argumentaran e contextualizaran as súas achegas e os respectivos enfoques sobre a situación da seguridade das traballadoras do SAF.
Debateuse sobre o borrador do protocolo, avanzando sobre os contidos relativos aos seus obxectivos, e sobre as obrigas e as respectivas funcións na prestación do SAF vencelladas coa prevención de riscos laborais, considerando tamén os factores de risco relacionados coa actividade no servizo. Despois de catro horas, os traballos da reunión remataron co tratamento dos efectos da violencia sobre a saúde e as medidas de prevención necesarias.
Ao remate da reunión, o presidente da FEGAMP sinalou que “a pesares da complexidade do asunto e da realidade do SAF, nesta mesa estamos a traballar de xeito construtivo e plural, amosando todas as partes participantes o seu compromiso e colaboración para acadar consensos nos contidos do protocolo e para reclamar os cambios normativos que permitan ao protocolo ser útil nas súas funcións”.
Acordouse continuar cos traballos nunha nova reunión que se celebrará na primeira quincena de febreiro, comprometéndose todas as persoas participantes en seguir repasando os contidos traballados e achegando as matizacións precisas para continuar nos contidos ata acadar o consenso necesario nos mesmos.

Sede Electrónica