“Cordial e frutífera” primeira xuntanza dos presidentes da FEGAMP e da Xunta nesta nova lexislatura

Data: 

luns, 10 Xuño, 2024 (Todo o día)

O presidente de Xunta de Galicia comprometeuse a abordar neste período o aumento dos fondos para sufragar o SAF

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela foi recibido hoxe en San Caetano polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na que foi a primeira xuntanza da actual lexislatura.

Ao remate da reunión Alberto Varela atendeu aos medios de comunicación, sinalando que foi “unha reunión de traballo cordial e frutífera e que esperamos que sirva para chegar a avances importantes” e que “a reivindicación principal das administracións locais galegas trasladada ao presidente da Xunta apuntaba como necesario un maior reforzo no financiamento autonómico das administracións locais a través do Fondo de Cooperación Local, que eses fondos sexan incondicionados e que se reciban polo trescentos trece concellos galegos por igual”, sendo tamén importante abordar “unha nova lei de facendas locais”.

Alberto Varela salientou que “se hai algún tema que ten especialmente preocupados aos concellos galegos é o esforzo que nos está supoñer a atención dos servizos sociais, e principalmente a dependencia e o servizo de axuda no fogar (SAF)”. “Neste caso, chegamos a un acordo de abordar durante este mandato o aumento do precio que os concellos estamos recibindo por parte da Xunta de Galicia e do Estado” para sufragalo.

Proseguiu Varela que “o SAF é un dos servizos máis demandado e que máis está lastrando as arcas dos concellos e que non debería ser sufragado polos concellos. Debería ser sufragado ao 50% polo estado e pola Xunta de Galicia, establecido pola Lei de Dependencia”.

O presidente da FEGAMP tamén desatacou que “estamos sentados coa Xunta de Galicia analizando e testando cales son as competencias impropias que estamos atendendo as administracións locais, e eses traballos de delimitación de competencias teñen que continuar, para que nos leven a deixar de exercer funcións que non corresponden aos concellos”.  Nesa liña, “tamén abordamos a necesidade de que o SERGAS e a Xunta de Galicia asuman o persoal sanitario das Unidades de Asistencia á Drogodependencia (UAD), e o presidente da Xunta comprometeuse a retomar o cumprimento dos calendarios acordados” indicou Alberto Varela."

O presidente da FEGAMP rematou convencido de que “fun capaz de trasladarlle ao presidente da Xunta a difícil situación que están a atravesar os concellos galegos en materia de financiamento, sendo necesario chegar a acordos porque hai moitos pequenos concellos que van estar “afogados”.

Xuntanza dos presidentes da FEGAMP e da Xunta de Galicia