Data:
Consellería de Traballo e Benestar
ORDE do 27 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases do programa Deseñando o teu futuro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión de axudas enmarcadas no programa Deseñando o teu futuro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.
2. A finalidade das axudas é financiar os proxectos dirixidos a que os mozos e as mozas entre 14 e 18 anos realicen estadías-visitas non remuneradas en empresas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de que adquiran competencias, habilidades e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e a súa formación.
3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Beneficiarios/as
1. Poderán solicitar estas axudas, ao abeiro destas bases reguladoras:
A) Entidades sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia que lle presten servizos á mocidade, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das entidades que as conforman.
B) Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.
B.I. Ningún concello ou entidade local dos sinalados nos puntos anteriores poderá:
a) Presentar a solicitude de subvención se o fixo unha entidade local na que estean integrados ou da cal dependan.
b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva.
c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.
O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta. No caso de figurar en máis dunha solicitude conxunta, non será admitida ningunha delas.
B.II. Aquelas solicitudes conxuntas presentadas en calquera das modalidades previstas nos puntos anteriores, nas que non se acredite suficientemente a realización conxunta do proxecto obxecto de subvención, e que supoñan realmente actuacións independentes de cada entidade local, non serán admitidas a trámite.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que non se atopen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Proxectos subvencionables
1. Os proxectos para os que se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:
a) Deben ter como persoas destinatarias mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos con autorización do pai, da nai ou titor/a legal.
b) O período do proxecto será de dous meses e terá como data límite de realización o 15 de novembro de 2015.
c) A duración das estadías-visitas será entre 5 e 15 días hábiles. As xornadas diarias nas empresas serán de 4 horas como mínimo.
d) O número de mozos/as participantes non poderá ser superior a 30.
2. Os proxectos constarán de tres fases:
a) Organización e planificación (que inclúe entre outros, o proceso selectivo e a busca de empresas de acollida para as estadías-visitas).
b) A realización das estadías-visitas non remuneradas en empresas radicadas en Galicia (incluirá a titorización e o seguimento das estadías).
c) Avaliación e seguimento posterior (inclúe a visualización que se lle dará ao proxecto en particular e ao programa Deseñando o teu futuro en xeral).
3. No proxecto expresarase con claridade o número de participantes, a duración das estadías-visitas, a xornada diaria de cada estadía e a estimación do número de horas de actividades complementarias se as houber, ademais doutros aspectos que serán obxecto de baremación segundo o que establece o artigo 11.
4. Só se poderá presentar un proxecto por entidade solicitante.
5. Deberase ter en conta, á hora da redacción do proxecto e de cara á súa posterior xustificación, o disposto no artigo 15 desta orde.
6. Calquera das actividades desenvolvidas serán de carácter gratuíto para as persoas beneficiarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas, etc.
7. A entidade beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas ditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda o cincuenta por cento do proxecto subvencionado.
Orzamento
1. A concesión das axudas previstas nesta orde estarán suxeitas á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
2. A distribución inicial de créditos farase do seguinte xeito:
– 85.000 euros para entidades locais a cargo da aplicación 11.06.313A.460.0.
– 45.000 euros para entidades sen ánimo de lucro, a cargo da aplicación 11.06.313A.481.0.
3. De producirse remanentes de crédito nunha das partidas indicadas no punto anterior, poderán reasignaranse as contías sobrantes na outra.
Conceptos subvencionables
A cantidade subvencionable a cada entidade calcularase a razón de:
– 6 euros por participante-día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza.
– 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas, entre os que se inclúen: os preparativos da organización, proceso selectivo, busca de empresas de acollida, información tanto ás empresas como ás distintas asociacións e ás persoas participantes, titorías antes, durante e despois das estadías-visitas, asistencia e supervisión dos participantes; adopción de acordos específicos para garantir a calidade das estadías-visitas e gastos de seguros de accidentes e de responsabilidade civil dos/as mozos/as participantes.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 67 | 1.08 MB |