Convocatoria da selección dos concellos participantes no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta. Prazo: 02-05-2025

Data: 

mércores, 2 Abril, 2025 (Todo o día) a venres, 2 Maio, 2025 (Todo o día)

 

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección, mediante concurso, dos concellos participantes no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, e se convoca para o ano 2025 (código de procedemento AU301H).

Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a selección, mediante o sistema de concurso, de concellos participantes no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta e realizar a convocatoria correspondente ao ano 2025 (código de procedemento AU301H).

2. A finalidade das actuacións previstas é colaborar cos concellos para a adopción de ferramentas coas que xestionar en tempo real e en remoto os sistemas da súa titularidade, a través da implantación e posta en marcha dunha serie de estacións dixitais de monitorización. Así mesmo, a través do servizo proporcionarase a Augas de Galicia un sistema de información que lle permita recompilar, visualizar, supervisar e compartir información relativa ao funcionamento dos sistemas monitorizados.

Requisitos de participación

1. Poderán participar no concurso todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

Para os efectos desta convocatoria considerarase o número de habitantes por concello recollido no Real decreto 1210/2024, do 28 de novembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2024.

Non poderán participar no concurso os concellos que xa fosen seleccionados para participar no concurso convocado no ano 2024 ao abeiro da Resolución do 13 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección, mediante concurso, dos concellos participantes no desenvolvemento, na implantación e na posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, e se convoca para o ano 2024, salvo que, unha vez notificada a resolución de selección, renunciasen a esta no prazo establecido nas bases da convocatoria para a aceptación ou renuncia á selección.

2. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Actuacións obxecto da colaboración

Augas de Galicia seleccionará de entre os solicitantes os concellos que participarán no desenvolvemento de actuacións de dixitalización do ciclo integral da auga, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria.

Para cada un dos concellos seleccionados, Augas de Galicia levará a cabo as seguintes actuacións de dixitalización do ciclo integral da auga:

a) O diagnóstico dos sistemas de abastecemento de auga potable en alta.

b) A elaboración de propostas específicas de dixitalización para os sistemas de abastecemento de auga potable en alta seleccionados, unha vez concluída a etapa de diagnóstico. Augas de Galicia elaborará unha proposta por cada sistema de abastecemento en alta. Estas propostas definirán que elementos do sistema de abastecemento en alta se van dixitalizar e instalarán neles estacións de medición e rexistro (EMR).

c) A execución e a implantación das propostas específicas de dixitalización en cada sistema de abastecemento en alta seleccionado, instalando as novas estacións de medición e rexistro nas infraestruturas que corresponda de cada sistema de abastecemento en alta.

d) O desenvolvemento dunha aplicación dixital, denominada Centro de Xestión de Datos Local (CXDL), consistente nunha aplicación informática multiusuario a través da que poder ler, agrupar e xestionar os datos recollidos nos elementos que forman parte das actuacións de dixitalización, así como calquera outra xa dispoñible en procesos de dixitalización anteriores e suficientemente aberta como para incorporar novos elementos no futuro.

Estes CXDL recibirán información en tempo real desde as estacións de medición e rexistro, permitirán xestionar de maneira remota as instalacións de abastecemento en alta e serán postos á disposición dos concellos para contribuír a mellorar a prestación do servizo.

e) O desenvolvemento dunha plataforma de xestión de datos autonómica para procesar por parte de Augas de Galicia toda ou parte da información compilada polos centros de xestión de datos locais, que permita un maior coñecemento dos sistemas de abastecemento en alta e do uso dos recursos hídricos. Esta aplicación recibirá datos en tempo real desde os centros de xestión de datos locais.

f) A impartición nos concellos seleccionados e ao persoal deles responsable do mantemento e operación dos sistemas de abastecemento en alta da formación técnica necesaria para o mantemento e a conservación das estacións de medición e rexistro. Do mesmo xeito, impartirase ao persoal das administracións públicas responsables dos servizos de abastecemento e das entidades prestadoras dos servizos a formación necesaria para a utilización do Centro de Xestión de Datos Local (CXDL).

g) Augas de Galicia dirixirá e supervisará os traballos de execución e implantación das actuacións, asesorando os concellos durante todo o proceso.

Augas de Galicia divulgará os resultados da execución destas actuacións de dixitalización do ciclo integral da auga, fomentando a adopción de estratexias semellantes e compatibles polas entidades locais galegas con competencias en materia de abastecemento.

Infraestruturas obxecto da colaboración

1. O ámbito de actuación desta convocatoria comprende os sistemas municipais de abastecemento de auga en alta en concellos de menos de 20.000 habitantes. Isto inclúe as seguintes infraestruturas xerais dos sistemas de distribución de auga potable: as captacións de titularidade pública, os depósitos de titularidade pública e as estacións de tratamento de auga potable (ETAP) de titularidade pública.

As infraestruturas indicadas son as que os concellos que desexen participar na convocatoria poderán incluír na súa solicitude. Tamén se inclúen as conducións que conectan as infraestruturas anteriores e as redes de distribución en alta, antes do inicio da subministración aos usuarios.

2. Esta convocatoria non comprende as infraestruturas de titularidade veciñal ou privada, nin as redes de distribución de auga potable en baixa, nin os contadores individuais de rexistro do consumo.

3. Non poderán ser seleccionadas aquelas actuacións que dispoñan de asignación en firme de fondos europeos no marco da programación orzamentaria vixente, ou que conten con financiamento da Administración xeral do Estado ao estaren incluídas nun convenio ou protocolo con esta.

Consonte o previsto no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/241, as actuacións obxecto deste concurso poderán recibir axudas doutros programas e instrumentos da Unión Europea só se a dita axuda non cobre o mesmo custo.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Máis Información

Para consultas relacionadas con este concurso habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: xerencia.augas@xunta.gal

Descargas: