CONMEMORACIÓN DO 20 ANIVERSARIO DO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE

Data: 

xoves, 9 Novembro, 2017 (Todo o día)

O ano 2017 é para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o ano máis importante da historia desta asociación municipalista, posto que cumpre 20 anos de traxectoria e de traballo a prol da erradicación das desigualdades a nivel mundial e defensa e promoción dos dereitos humanos.

O Fondo Galego, composto actualmente por 91 concellos e 3 deputacións provinciais de Galicia, é a rede sectorial máis ampla do municipalismo galego, recoñecida pola FEGAMP como axencia municipal da cooperación galega.

Contando con escasos recursos económicos e a pesar das moitas dificultades e atrancos atopados ao longo desta andaina, grazas á implicación dos gobernos locais galegos, o Fondo Galego é hoxe unha referencia a nivel estatal e europeo. Deste xeito, e segundo o previsto, o Fondo Galego pasará a ocupar a Presidencia da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade o día 8 de novembro, o día inmediatamente anterior ao acto conmemorativo do seu 20 aniversario.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convida a alcaldesas e alcaldes, concelleiras e concelleiros, e deputadas e deputados provincias de toda a nosa xeografía, así coma outros axentes da cooperación galega e representantes dos outros Fondos de cooperación estatais a participar no acto conmemorativo do seu 20 aniversario, que terá lugar o vindeiro xoves 9 de novembro na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) ás 11:00 h.

O acto, dunha hora e media de duración, pretende ser un momento de reflexión e celebración, onde se combinarán discursos institucionais con diferentes representacións teatrais e musicais. Ao final, haberá un vermú e petiscos para todas as persoas asistentes.

Prégase confirme a súa asistencia no seguinte número de teléfono: 986 843 436, ou no seguinte enderezo electrónico: acorzo@igadi.org á maior brevidade posible.