Data:
martes, 6 Outubro, 2026 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026.- A Xunta de Voceiros e Voceiras da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) reuniuse hoxe de xeito extraordinario para aprobar unánimemente unha declaración institucional de condena e rexeitamento da agresión física e insultos sufridos o sábado pasado polo presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela.
Os voceiros e voceiras da FEGAMP que representan aos alcaldes e alcaldesas do PPdeG, PSdeG e BNG son: Ángel Moldes, alcalde de Poio (PPdeG); María Barral, alcaldesa de Betanzos (PSdeG) e Secundino García, alcalde de San Sadurniño (BNG).
Coa condena, os voceiros e voceiras da FEGAMP, denuncian na declaración institucional estes “feitos gravísimos e intolerables, cometidos por diverxencias de opinión política que non poden ter cabida nunha sociedade democrática”.
“A discrepancia política, por profunda que sexa, nunca pode derivar en insultos, ameazas ou agresións. A confrontación de ideas forma parte da democracia; a violencia e a intimidación son a súa negación” sinala a declaración que, ademais, destaca que “o feito de que coa agresión se produciran insultos como "roxos de merda", evidencian a necesidade de frear de inmediato calquera discurso de odio ou de sinalamento por razóns ideolóxicas”.
A declaración da Xunta de Voceiros e Voceiras da FEGAMP remata facendo un“ chamamento á responsabilidade de todas as forzas políticas para rebaixar a tensión e defender unha convivencia baseada no respecto, na tolerancia e no diálogo” e achegando “toda a nosa solidariedade co alcalde de Vilagarcía e presidente da FEGAMP e coa súa familia”.






Sede Electrónica