Concellos e Valedora do Pobo colaborarán en beneficio da cidadanía

Data: 

venres, 23 Abril, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias vén de asinar un protocolo de colaboración coa Valedora do Pobo para desenvolver actividades conxuntas coa finalidade de aumentar a calidade dos servizos e atención á cidadanía.

O documento contempla accións de formación e difusión entre os concellos respecto ao desenvolvento do exercicio da Valedora do Pobo, incluíndo aspectos das especialidades máis relevantes nos procedementos de supervisión desenvoltos pola defensora cidadá.

Entre outras informacións ou actuacións, a Valedora do Pobo ofrecerá resolucións de interese para os concellos, mentres que a Fegamp trasladará á Valedora as memorias ou valoracións que lle poidan axudar no desenvolvemento das súas funcións.

Este protocolo é froito da xuntanza o pasado 12 de marzo entre o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño no que fóra a primeira aproximación da historia entre as dúas institucións. Unha colaboración considerada por Alberto Varela “fundamental, xa que Valedora e concellos temos un ADN moi parecido: estamos en estreito contacto coas persoas e estamos ao seu servizo para defender os seus intereses e o seu benestar.” O protocolo servirá para mellorar en materia de transparencia institucional “un dereito dos cidadáns” a través dunha “cooperación de carácter interno, para que dúbidas de procedementos ou cuestións técnicas nas que os concellos non temos claro como responder ou temos algunha dificultade se poida resolver da mellor maneira en beneficio dos cidadáns”.