Concellos e deputacións xa teñen as primeiras indicacións para colaborar coas persoas damnificadas pola DANA

Data: 

venres, 1 Novembro, 2024 (Todo o día)

FEGAMP e a Delegación do Goberno solicitaron reunión urxente á Xunta de Galicia para artellar a colaboración dende Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ven de dirixir aos concellos e deputacións galegas as indicacións actualizadas para proceder na achega de colaboración coas persoas damnificadas pola DANA na Comunitat Valenciana.

No caso de que os concellos ou as deputacións  estean a recoller materiais e alimentos básicos, poden contactar directamente coa Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) a través da conta de correo ayudadana@fvmp.org  seguindo as súas indicacións de que o que máis se precisa é auga, leite, fiambres, pan de molde, latas de atún, materiais de limpeza persoal e doméstica, cueiros e compresas.

Tamén poden poñerse en contacto coa Delegación do Goberno en Galicia a través do seguinte enderezo electrónico: comunicaciones.galicia@correo.gob.es.

Os concellos e deputacións que poidan achegar apoio de bombeiros, servizos de rescate e de protección civil deben contactar cos servizos de emerxencia da Generalitat Valenciana no seguinte correo: logistica.sgise@sgise.es.

Para achegas económicas, dende a Federación Española de Municipios e Provincia (FEMP) está a xestionar a apertura dunha conta bancaria unicamente dirixida para este cometido. En canto estea operativa se difundirá de inmediato.

Ademais, dende a FEGAMP e a Delegación do Goberno en Galicia se ten solicitado á Xunta de Galicia unha reunión urxente para artellar os mecanismos de coordinación da solidariedade coas persoas afectadas pola DANA.

Dende a FEGAMP se va manter informados aos concellos e deputacións de todas a novidades que vaian xurdindo.