Colaboración do municipalismo galego coa seguridade vial dos peóns

Data: 

martes, 5 Maio, 2026 (Todo o día)

A Coruña, 5 de maio de 2026.- A secretaria xeral da Federación Galega de Muncipios e Provincias (FEGAMP), Patricia Vilán, participou na inauguración da xornada "Peóns e Seguridade Vial", xunto coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o director xeral de Tráfico, Pere Navarro.

A xornada tiña como obxectivo contribuir a reforzar a cultura e as políticas públicas pola mobilidade segura e sustentable, poñendo o foco ás persoas, e forma parte da "Estrategia de Seguridad Vial 2030" que é resultado dun proceso de reflexión e analise compartido  cos principais actores da seguridade viaria no noso país, tanto das diferentes Administracións públicas competentes como da sociedade civil sobre pasadas estratexias xa desenvolvidas e tendencias e propostas máis actuais e eficientes.

Na súa intervención, Patricia Vilán, destacou o compromiso e a colaboración dos concellos a prol da seguridade vial, colaboración orientada a situar aos peóns no centro dos procesos de mellora da mobilidade urbana.

A secretaria xeral da FEGAMP lembrou que preto da metade dos desprazamentos que se realizan en coche en España son percorridos de tres quilómetros ou menos, polo deberían explorarse todas as posibilidades facelos compatibles co desprazamento a pé, apostando por prestar especial atención ás necesidades peonís dos colectivos máis vulnerables -nenos, persoas maiores e persoas con discapacidade ou mobilidade reducida- nos deseños urbanos que permitan desprazarse con autonomía e seguridade. Nesa liña, Vilán salientou que dende o municipalismo vimos impulsando un marco común de referencia para as entidades locais baseado na exclusividade do peón en beirarrúas e espazos peonís, e na aposta por trasladar a circulación e o estacionamento de calquera tipo de vehículo á calzada, evitando conflitos entre peóns, ciclistas e usuarios de vehículos de mobilidade persoal.

A secretaria xeral fixo fincapé na pacificación do tráfico e a redución das velocidades como premisas imprescindibles para garantir unha convivencia, indicando que dende os concellos seguimos apoiando a limitación a  30 km/h a velocidade máxima en vías urbanas dun só carril por sentido.

Durante a xornada interviñeron persoas expertas, que presentaron información actualizada, e responsables institucionais que presentaron boas prácticas de política públicas de seguridade vial, como no caso do Concello da Coruña, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Narón. Tamén interviñeron asociacións promovendo o dereito a camiñar de xeito seguro e saudable.

 

Xornada "Peóns e Seguridade Vial"