Data:

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026.- O presidente e a secretaria xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela e Patricia Vilán, mantiveron un encontro co director e a técnica do programa CONVIVE.COMigo da asociación Arela, Julio Barreiro e Eva Piñeiro, e co director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia e a xefa de servizo de Xustiza Penal Xuvenil, Jacobo Rey e Ana Vázquez. Na reunión valoráronse posibles vías de colaboración ao respecto que se concretarán proximamente.
Este encontro é continuación da reunión mantida en abril pasado, na que se presentou o programa CONVIVE.COMigo, que se está a desenvolver na provincia de Pontevedra, e que ten como finalidade conseguir persoas ou familias dispostas a acoller temporalmente a menores que, por resolución xudicial, teñen que convivir con outro grupo familiar distinto ao seu, segundo o disposto na Lei do Menor.
Dende o programa CONVIVE.COMigo tamén se acompaña e forma as familias e persoas que acollen, apoiando especialmente durante os períodos de convivencia cos menores, ademais da coordinación coas persoas profesionais que interveñen na execución da medida xudicial.

Sede Electrónica