Data:
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2016 pola que se publica o Acordo do 10 de febreiro de 2016 polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e para a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convoca o correspondente proceso de selección.
Obxecto
As estratexias de desenvolvemento local poden contribuír a varios dos obxectivos dos fondos estruturais de investimento europeos (fondos EIE); non obstante o desenvolvemento local participativo debe efectuarse no contexto dun único obxectivo temático. No ámbito do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) prográmase integramente na área focal: 6B «promover o desenvolvemento local nas zonas rurais». Non obstante, tendo en conta a súa natureza e as operacións que, coas limitacións e condicionantes establecidos nestas bases se incluirán nas estratexias dos GDR, servirá para contribuír á consecución doutras prioridades e áreas focais, en particular, as seguintes:
1A: fomentar a innovación, a cooperación e o desenvolvemento da base de coñecementos nas zonas rurais.
2B: facilitar a entrada no sector agrario de agricultores adecuadamente formados, así como o revezamento xeracional.
3A: mellorar a competitividade dos produtores primarios, fornecendo valor engadido aos produtos agrarios e promocionándoos nos mercados locais.
4A: restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como o estado das paisaxes europeas.
5: promover a eficiencia dos recursos e fomentar o paso a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático nos sectores agrario, alimentario e forestal.
6A: facilitar a diversificación, creación e desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.
6C: mellorar a accesibilidade ás tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), así como ao uso e a calidade destas nas zonas rurais.
Dentro dos obxectivos do Feader para contribuír á estratexia Europa 2020, a metodoloxía Leader contribúe directamente a «lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego». Os GDR contribuirán coas súas estratexias a xerar capacidade na comunidade local e estimular a innovación, a iniciativa empresarial e a fomentar o desenvolvemento e a detección do potencial aínda sen explorar nos territorios rurais.
Tendo en conta as características específicas do territorio rural galego e o xa citado obxectivo de contribuír á estratexia europea 2020 acadando un desenvolvemento territorial equilibrado, incluíndo a creación e a conservación do emprego, o enfoque Leader para o período 2014-2020 en Galicia, orientarase á consecución prioritaria dos seguintes obxectivos:
a) Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural.
b) Mellorar e implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza.
c) Favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc.
d) Garantir a sustentabilidade da actividade no medio rural mediante un coidado e utilización adecuados dos recursos naturais.
e) Potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio.
f) Contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será de catro meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. No caso de que o último día de prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Máis información:
-No Diario Oficial de Galicia (DOG. Nº 42)
-Na Dirección Xeral da AGADER:
· Web: http://agader.xunta.es
· Teléfonos: 981 54 73 60 e 981 54 73 65.
· Enderezo electrónico: agader.subdireccionrelacionsgal@xunta.es // area.apoio.agader@xunta.es
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 42 | 1.5 MB |