Bases para a convocatoria de subvencións ás entidades locais galegas para promocionar o uso da língua galega (2015). PRAZO: 28-05-2015

Data: 

mércores, 29 Abril, 2015 (Todo o día) a xoves, 28 Maio, 2015 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de abril de 2015 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da língua galega e se procede á súa convocatoria (ED115A).

Obxecto

O obxecto desta orde é convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, mediante a súa creación ou o mantemento ou reforzamento dos existentes, ou a promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega, en concellos ou en agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

Beneficiarios

1. As entidades locais de Galicia, excluídas as deputacións provinciais.

2. Os agrupamentos de concellos para a realización dun proxecto común. As súas entidades integrantes nomearán un representante único que actuará como coordinador e interlocutor coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que será o receptor da asignación económica.

Modalidades de axuda

1. As modalidades que adoptan estas axudas son as que a seguir se relacionan:

a) Creación dun servizo lingüístico. As entidades locais ás cales lles fose concedida e percibisen unha subvención para a creación dun servizo lingüístico ao abeiro da convocatoria de 2014 non poderán acceder a unha axuda para a creación dun servizo lingüístico na presente convocatoria.

b) Mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico.

c) Desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico.

Cada entidade local ou agrupamento de concellos poderá solicitar unha única modalidade de axuda ao abeiro desta convocatoria, desestimaranse as solicitudes que non cumpran este requisito. Así mesmo, tendo en conta que a prestación de servizos lingüísticos implica a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística, todas as modalidades de axuda incluirán a súa realización.

2. Para os efectos desta subvención, considéranse:

a) Servizo lingüístico: departamento técnico inserido na entidade local, dotado de recursos materiais e humanos, que ten as funcións de planificar, xestionar, executar e avaliar medidas e accións co obxectivo de incrementar o uso da lingua galega en todos os ámbitos de actuación da organización, tanto interna como externamente.

b) Creación dun servizo: contratación de persoal técnico en entidades locais que na data de publicación desta orde non estean dotadas de servizo lingüístico e, polo tanto, non conten con persoal contratado para este fin.

c) Mantemento dun servizo: dotación de continuidade a un servizo lingüístico creado con anterioridade á data de publicación desta convocatoria de subvencións. Considerarase nesta modalidade sempre que o servizo lingüístico estivese aberto ata o mes de outubro do ano inmediatamente anterior á publicación desta orde e retomada a súa ocupación dentro do primeiro trimestre da convocatoria anual.

d) Reforzamento dun servizo: incorporación de máis persoal técnico, mediante a súa contratación, a un servizo lingüístico xa existente na data de publicación desta convocatoria.

3. Serán obxecto de subvención as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2015.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Considerarase último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo for inhábil, prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 791.53 MB