Axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros (Feader). Prazo: 20-02-2026

Data: 

sábado, 10 Xaneiro, 2026 (Todo o día) a venres, 20 Febreiro, 2026 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural

Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).

BDNS (Identif.): 880302 e 880311.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).

2. Nesta orde inclúense as seguintes intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader):

a) Intervención 6883-investimentos forestais produtivos.

• Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas (liña I).

b) Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais.

• Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas (liña II).

• Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros (liña III).

Beneficiarios

1. Na liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas) poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) que estean inscritas no correspondente rexistro antes de que finalice o prazo de presentación das solicitudes de axuda, así como aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro dese mesmo prazo. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.

Así mesmo, na liña I tamén poderán ser persoas beneficiarias as persoas silvicultoras activas que estean inscritas no correspondente Rexistro de Silvicultor/a Activo/a antes de que finalice o prazo de presentación das solicitudes de axuda, así como aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro dese mesmo prazo. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda correspondente á execución das actuacións do «Módulo de silvicultura produtiva de coníferas».

Na liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas) e na liña III (Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros) serán persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.

Intensidade e compatibilidade da axuda

1. Para a liña I (Intervención 6883-Investimentos forestais produtivos) a intensidade da axuda será de ata o 65 % do investimento total subvencionable segundo o valor do módulo de silvicultura produtiva de coníferas do modelo silvícola seleccionado pola persoa interesada.

A concesión da axuda será incompatible coa concesión doutras subvencións para o mesmo obxecto e superficie.

2. Para a liña II e a liña III (Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais) a intensidade da axuda será de ata o 100 % do investimento total subvencionable segundo o valor do módulo de silvicultura non produtiva de frondosas, do módulo de silvicultura básica de rehabilitación de soutos de castiñeiro ou do módulo de silvicultura básica de rehabilitación de soutos de castiñeiro e podas de renovación de copas, segundo corresponda.

A concesión da axuda será incompatible coa concesión doutras subvencións para o mesmo obxecto e superficie.

As actuacións previstas nestas liñas contribúen ao interese público ao promover a xestión sustentable dos montes mediante intervencións ambientais en frondosas e soutos de castiñeiros. Estas actuacións favorecen a conservación da biodiversidade, melloran a resiliencia fronte ao cambio climático e reducen o risco de incendios forestais. Ademais, fomentan o desenvolvemento socioeconómico das zonas rurais, contribuíndo á creación de emprego e á fixación da poboación no territorio, en liña cos obxectivos do PEPAC 2023-2027.

3. Tanto na solicitude da axuda como na solicitude de pagamento, a persoa beneficiaria deberá indicar o detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

4. O IVE non é subvencionable.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións BDNS (Identif.): 880302 e 880311:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880302

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880311

Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.

-Na Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Descargas: