AXUDAS PARA A REFORESTACIÓN E PARA A CREACIÓN DE SUPERFICIES FORESTAIS (FEADER). PRAZO: 29-02-2016

Data: 

xoves, 31 Decembro, 2015 (Todo o día) a luns, 29 Febreiro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

Obxecto das axudas e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas e proceder a súa convocatoria para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva.

2. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión de:

a) Os bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da administración central ou autonómica.

b) Os bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.

c) Os bosques que pertenzan a empresas públicas.

d) Os bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

No caso de montes propiedade do Estado o da Comunidade Autónoma de Galicia a axuda poderá ser concedida se o órgano que xestiona esas terras é un organismo privado ou un concello. Nese caso unicamente se ofrecerá a axuda para os custos de establecemento.

3. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se deroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e no establecido para as axudas á reforestación e creación de superficies forestais no Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (DOUE 01.07.2014, L193).

4. Estas axudas se tramitarán ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014_2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.

Liñas de axuda

1. As axudas obxecto de subvención son as seguintes:

Primeira forestación de terras non agrícolas con especies do anexo I. Unicamente inclúese a subvención de especies do anexo II ás superficies que, conforme cos apartados c, d, e e g do anexo 2 da Lei 7/2012, de 28 de xuño de montes de Galicia, quedan reducidas exclusivamente a frondosas caducifolias.

Tipos de superficies obxecto de axuda

1. Poderán ser obxecto de axuda aqueles terreos que estean identificados no Sistema de Identificación Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac) como:

– Forestal (FO)

– Pasto con arboredo (PA)

– Pasto arbustivo (PR)

2. Nos terreos nos que existise tradicionalmente arboredo ou que teñan fracción de cabida cuberta superior ao 20 %, non se poderán obter estas axudas.

3. En todo caso, será de aplicación o disposto no Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro polo que se regula o sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas.

4. A superficie de actuación será a suma da superficie de forestación máis a superficie da área de defensa.

5. As zonas a forestar, xa sexan terras agrícolas abandonadas, terreos de ermo, terreo con arbustos e matos ou arborado cunha fracción de cabida cuberta inferior ao 20 %, deberán estar identificadas nalgún dos tres grupos do Sixpac indicados no apartado 3.1 e en todo caso deberá cumprirse o establecido na Lei 7/2012, 28 de xuño, de montes de Galicia e a normativa de desenvolvemento, especialmente no referente a contar cun instrumento de ordenación ou xestión forestal ou instrumento equivalente conforme ao artigo 77 e 8.18 da citada Lei e no prazo que establece a disposición transitoria sexta da lei 7/2012.

Os montes con superficies superiores a 25 hectáreas en couto redondo deben contar cun plan técnico, proxecto de ordenación ou plan de xestión no que se considere a realización dos traballos solicitados ó abeiro da presente orde, ou presentar xunto coa solicitude de axuda unha copia da súa adhesión aos modelos silvícolas, de acordo ao establecido na disposición transitoria segunda do Decreto 52/2014 e segundo a Orde de 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia.

6. Non se poderá obter axuda sobre hábitats prioritarios.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro-indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).

2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto a propietarios como arrendatarios ou xestores. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para poder acceder a estas subvencións, as CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, con xunta rectora ou equivalente actualizada, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

5. Non poderán ser beneficiarios aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do art. 2, apartado 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Conforme a este Regulamento, unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b)Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida no punto c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria, comprobándose a veracidade desta declaración nos controis sobre o terreo que se realicen.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 248710.04 KB