AXUDAS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL. PRAZO: 13-10-2022

Data: 

martes, 13 Setembro, 2022 (Todo o día) a xoves, 13 Outubro, 2022 (Todo o día)

 

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade 

Orde do 29 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, e se convocan para o exercicio 2022 (código de procedemento TR351B). BDNS (Identif.): 647235.

Obxecto

Contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito de colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego na contorna local.

Entidades beneficiarias

Entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, sempre que todas elas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Definición e funcións das persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local (en adiante, AEDL) configúranse como persoal contratado das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

Esta colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolveraa a entidade contratante, para o cal as persoas contratadas como AEDL analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela e colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

2. As persoas contratadas como AEDL realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles persoas emprendedoras, así como prospección das necesidades de persoal das empresas co obxecto de identificar novos nichos de emprego.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas, promotoras e emprendedoras, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio ás persoas promotoras das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoas tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de actividade empresarial.

Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dous millóns douscentos mil euros (2.200.000 €).

Contía da subvención e período subvencionable

1. A contía máxima das subvencións que se concederán por cada axente de emprego e desenvolvemento local poderá ser, co límite máximo de 27.046 euros anuais por cada contratación subvencionada e tendo en conta a media de paro rexistrada no ano 2021 no seu ámbito territorial de acordo coas estatísticas oficiais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade:

a) A equivalente ata o 35 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrado no ano 2021 igual ou superior a 500 persoas desempregadas.

b) A equivalente ata o 25 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrada no ano 2021 inferior a 500 persoas desempregadas.

c) A equivalente ata o 80 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando se trate de entidades beneficiarias en que, aínda que teñan unha media de paro rexistrada no ano 2021 inferior a 500 persoas desempregadas, a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos, tres concellos limítrofes, ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos.

2. A subvención prevista no parágrafo anterior concederase por un período dun ano e será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

3. As subvencións previstas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 647235): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Descargas: