Data:
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2021 (código de procedemento MT975I). BDNS (Identf.): 574243.
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
Resultarán subvencionables as actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos, a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes na Comunidade Autónoma, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal.
O período subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 30 de novembro de 2021, ambos incluídos.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lles correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran coas seguintes condicións:
a) No caso de entidades locais que presenten solicitude de forma individual, non superar os 3.000 habitantes segundo o último censo de poboación publicado (2020).
b) No caso de solicitudes de agrupacións de entidades locais, o número de entidades locais que non superen os 3.000 habitantes terá que ser maior que o número de entidades locais que superen os 3.000 habitantes, segundo o último censo de poboación publicado (2020).
Contía
As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1, código de proxecto 2019 89, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 consonte o seguinte:
Aplicación | Importe 2021 | Total |
08.02.541D.760.1 | 1.576.780,52 € | 1.576.780,52 € |
O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 70.000,00 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000,00 € máis por cada entidade participante, ata un máximo de 100.000,00 €.
As actuacións están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Actuacións subvencionables
Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos que teñan por finalidade a adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes na nosa Comunidade Autónoma, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal, a fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.
Para os efectos da presente convocatoria teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, medicamentos, etc.).
En particular, serán subvencionables accións dirixidas á implantación de puntos limpos móbiles mediante a adquisición de puntos limpos móbiles, con diferentes compartimentos para a recollida de residuos, dos seguintes modelos:
a) Contedor/caixa metálica de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado con equipamento de gancho para a súa carga e traslado).
b) Remolque e contedor metálico de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado para a súa carga e traslado).
c) Camión con caixa e chasis.
d) Furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.
e) Outros modelos do mercado, sempre que se xustifique que cumpren os obxectivos deste servizo.
Tratándose de puntos limpos móbiles, serán actuacións subvencionables ademais, dos propios puntos limpos móbiles, equipamentos ou elementos relacionados coa función que prestan, as ferramentas TIC que contribúan a mellorar a súa utilización e as campañas de difusión e de información asociados ás actuacións proxectadas de conformidade co requirido no número 2, letra a) deste mesmo artigo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.