AXUDAS PARA O FINANCIAMENTO DE ACTUACIÓNS EN MATERIA DE RESIDUOS DE COMPETENCIA MUNICIPAL. PRAZO: 28-01-2019

Data: 

venres, 28 Decembro, 2018 (Todo o día) a luns, 28 Xaneiro, 2019 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Orde do 14 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2019, tramitadas como expediente anticipado de gasto (código de procedemento MT975I). BDNS (Identif.): 429954.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, a entidades locais municipais e supramunicipais e agrupación de entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

Serán subvencionables:

a) Liña I: implantación de puntos limpos móbiles.

Serán subvencionables os proxectos para a implantación de puntos limpos móbiles, destinados á xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

b) Liña II: proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

Serán subvencionables as actuacións que teñan como obxectivo a nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos das entidades locais que actualmente non estean realizando este tipo de recollida diferenciada, co fin de contribuír ao cumprimento dos obxectivos en materia de reciclaxe dos biorresiduos.

Poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2019, non sendo subvencionables aqueles proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

Beneficiarias

Entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos.

Contía

A contía global da convocatoria é de 1.286.570 euros, coa seguinte distribución:

a) Importe máximo da liña de axuda I (implantación de puntos limpos móbiles): 900.599 euros (70 %).

b) Importe máximo da liña de axuda II (proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais): 385.971 euros (30 %).

As actuacións están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A contía das axudas será a seguinte:

a) Liña I. Implantación de puntos limpos móbiles: un 80 % dos custos totais subvencionables salvo no caso de que, con base no establecido no artigo 14 das bases, o solicitante asuma unha achega superior ao 20 % do custo subvencionable do proxecto. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 40.000 euros. Non obstante, esta poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 5.000 euros máis por cada entidade participante ata un máximo de 60.000 euros.

b) Liña II. Proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais: un 80 % dos custos totais subvencionables salvo no caso de que, con base no establecido no artigo 14 das bases, o solicitante asuma unha achega superior ao 20 % do custo subvencionable do proxecto. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 40.000 euros. Non obstante, esta poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 5.000 euros máis por cada entidade participante ata un máximo de 60.000 euros.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: